O BNG pide ao Goberno local que Betanzos se sume ao Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo

O BNG de Betanzos preguntou ao Goberno local do PSOE se ten previsto adherirse á conmemoración do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, unha data establecida pola ONU en 2007 e que se celebra cada 2 de abril. O concelleiro do BNG, Salvador González, lembrou que “o obxectivo deste día é aumentar a concienciación sobre o Trastorno do Espectro Autista (TEA) e promover a inclusión e o respecto cara ás persoas con autismo en todos os ámbitos da sociedade”.
"Cada ano, esta conmemoración busca derrubar barreiras e fomentar a comprensión e a inclusión, destacando a importancia do acceso á educación, ao emprego e ao benestar para as persoas con TEA", explicou o edil nacionalista, que tamén recordou que "unha das formas de dar visibilidade a esta data é a iluminación de edificios significativos en cor azul".
Por este motivo, o BNG solicitou ao Goberno local do PSOE que secunde a iniciativa iluminando en azul o Pazo Municipal o vindeiro 2 de abril, do mesmo xeito que se fai noutras datas sinaladas. Ademais, o concelleiro do BNG pediu que se informe sobre o significado desta xornada a través das redes sociais municipais.
Pictogramas nos edificios municipais
Así mesmo, Salvador González reiterou a súa petición para que o goberno municipal adopte medidas que faciliten a inclusión das persoas con TEA, especialmente a colocación de pictogramas nos edificios municipais. Lembrou que esta medida foi acordada no pleno, pero aínda non se implementou.
"Na gran cantidade de sinais novas que está a instalar o Goberno local, ás veces situadas de forma molesta para os viandantes, non están estes sinxelos pictogramas que facilitarían a vida a unha parte da nosa veciñanza", lamentou o edil nacionalista.