O BNG pide ao Concello de Betanzos unha campaña informativa para combater as especies invasoras

O BNG levará ao próximo pleno municipal unha proposta na que insta ao Goberno local do PSOE a impulsar unha campaña informativa e de sensibilización dirixida á veciñanza para facer fronte á presenza de especies vexetais invasoras no municipio.
As nacionalistas alertan de que estas plantas non só desprazan especies autóctonas e alteran os ecosistemas locais, senón que tamén teñen un forte impacto económico e social. Segundo explican, o Ministerio para a Transición Ecolóxica sinala que, ademais dos custos derivados da súa eliminación, existen outros máis difíciles de cuantificar, como os efectos sanitarios provocados por algunhas destas especies: problemas respiratorios, intoxicacións ou reaccións alérxicas, entre outros.
O BNG destaca que a xardinería ornamental segue a ser, a nivel estatal, a principal vía de introdución destas especies exóticas. En Betanzos, apuntan, existe máis dunha ducia de plantas invasoras que se espallan por espazos naturais, beiras de ríos e regatos, taludes, xardíns públicos e mesmo zonas emblemáticas como os estanques do parque do Pasatempo. Entre elas, citan o eucalipto, a herba da Pampa, a tradescantia, a falsa acacia, a budleia ou a lantana, esta última plantada polo propio goberno local, segundo denuncian, malia estar catalogada como invasora.
Para o BNG, estes problemas non poden abordarse cunha acción puntual ou simbólica, especialmente nun concello que forma parte da Rede Natura 2000 e da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. “A loita contra as invasoras debe ser un eixo transversal da política ambiental e paisaxística do Concello, con independencia de quen goberne”, subliñan.
A proposta inclúe a creación dun programa municipal de erradicación que contemple a eliminación destas especies en xardíns, espazos verdes e demais zonas de titularidade pública, así como a posta en marcha dunha campaña de información cidadá que explique cales son estas plantas, os riscos que entrañan e as prohibicións vixentes respecto á súa tenencia.
Tamén se propón a elaboración dunha guía de boas prácticas para a súa eliminación e a creación dunha liña de axudas destinada a profesionais do sector agrícola. Ademais, o BNG aposta por organizar xornadas formativas nas escolas para concienciar desde idades temperás e por instar á Xunta e ao Goberno do Estado a actuar sobre as vías e infraestruturas da súa competencia.
Xa o mes pasado, o BNG denunciou no pleno a presenza de especies invasoras en varias xardineiras do centro urbano, introducidas polo propio executivo local. “É unha actuación irresponsable que contribúe á expansión destas especies e ao deterioro do noso patrimonio natural”, conclúen.