O BNG pide actuacións urxentes na N-VI ao seu paso por Coirós

ACoruñaXa
Néstor Rego anuncia iniciativas no Congreso para mellorar a seguranza viaria nun tramo sen pasos de peóns nin medidas efectivas de redución da velocidade
COIRÓS bng n-vi
3 Feb 2026

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou o rexistro de iniciativas para reclamar ao Goberno do Estado melloras urxentes na seguranza viaria da N-VI ao seu paso polo concello de Coirós.

Segundo explicou, durante unha visita ao municipio reuniuse con representantes locais do BNG encabezados pola portavoz municipal, Pura Ferreño, así como con veciños e veciñas da zona, para analizar a situación no tramo que atravesa o centro de Coirós, onde se localizan o concello, o edificio de usos múltiples, a marquesina do autobús e outros servizos municipais.

A formación nacionalista advirte de que se trata dunha área con moitísimo tráfico, condicionada pola saída da A-6, na que non existen pasos de peóns nin medidas que garantan unha redución real da velocidade, malia a presenza habitual de peóns. Ferreño sinalou que esa concentración de servizos fai imprescindible adoptar actuacións que melloren a seguridade no punto.

Pola súa banda, Rego subliñou que a situación vai máis alá da comodidade e cualificouna como un problema de seguranza, reclamando que se actúe canto antes para evitar un accidente grave. O deputado lembrou tamén as iniciativas do BNG para reforzar a seguridade na N-VI e puxo o foco noutro punto conflitivo do municipio: o cruce de Queirís, ao que se referiu como un dos puntos negros máis perigosos da comarca. Rego concluíu afirmando que non permitirán que o Goberno siga sen atender as necesidades de mellora nesta estrada, especialmente no tramo que afecta a Coirós.

⚙ Configurar cookies
0.15630698204041