O BNG pide aclarar a cesión da aula de lectura de San Cidre e alerta dun espazo 'en limbo' por falta de mantemento

ACoruñaXa
O grupo nacionalista levou o asunto ao último pleno de Bergondo tras as queixas de usuarias e usuarios e critica que o Goberno local non concrete condicións nin prazos dunha cesión por parte de Abanca
BERGONDO biblioteca
12 Feb 2026

O BNG de Bergondo preguntou no último pleno municipal polo estado da aula de lectura situada nos baixos de Abanca, en San Cidre, despois de recibir avisos de persoas usuarias preocupadas polo deterioro do local e a ausencia de actuacións de mantemento. O portavoz nacionalista, David Carro, asegurou que a situación é 'doada de comprobar', con problemas como humidades e un cadro eléctrico que cualificou de 'precario', e advertiu de que, segundo pasan os meses, seguen aparecendo novas deficiencias.

Segundo explicou o grupo, a resposta do Goberno local foi que o inmoble non é de titularidade municipal, senón propiedade de Abanca, e que está cedido ao Concello desde hai tempo. Porén, sempre segundo o BNG, no pleno non se concretaron nin os termos da cesión nin a súa duración, algo que, a xuízo de Carro, explica que o Executivo non queira investir na mellora do espazo.

A formación engadiu que desde Alcaldía se recoñeceu a perda dunha subvención da Xunta destinada a acondicionar esta aula ao non poder xustificar a titularidade do local. A partir de aí, o BNG cuestiona que tipo de cesión existe e se podería producir unha retirada do espazo por parte da entidade propietaria, unha pregunta que, indican, quedou sen resposta.

Carro enmarcou este caso nun problema máis amplo de regularización de espazos empregados para servizos públicos, citando como exemplo a falta de oficialización da titularidade da polideportiva de Ouces, e reclamou dar solución a situacións que, di, deixan instalacións municipais 'en precario' e cunha inseguridade xurídica que dificulta investimentos e melloras.

⚙ Configurar cookies
0.078994989395142