O BNG na Coruña pide explicacións ao PP por votar en contra da prorroga das subvencións estatais ao transporte público
A concelleira do BNG Avia Veira pídelle explicacións ao PP coruñés de por que votou en contra, s no Congreso dos Deputados, da validación do decreto que prorrogaba as subvencións estatais ao transporte público urbano da Coruña.
“Até agora, o Estado subvencionaba o 30 por cento do billete do bus urbano. O 20% restante subvencionábao o Concello. A Xunta non puña nin un euro, demostración de que o PP non ten entre as súas prioridades precisamente o fomento do transporte público”, denuncia Avia Veira.
Coas subvencións, o prezo dunha viaxe de bus na Coruña -coa aplicación do bus e coa tarxeta millenium- estaba situado en 38 céntimos, en 12 céntimos para a tarifa social (para persoas en situación de vulnerabilidade) e 15 para universitarias/os. “E isto é contra o que votou o PP onte no Congreso”, censura a concelleira nacionalista.
“O BNG si votou a favor da validación do decreto porque nós si cremos na mobilidade como un dereito esencial, a diferenza dun PP que, como demostra día a día na súa xestión á fronte da Xunta, non lle presta atención nin ao transporte metropolitano nin achega nin un euro ao transporte público urbano da nosa cidade”, remarca Veira. “Se a Xunta tivese outra actitude, as coruñesas e os coruñeses poderíamos pagar aínda menos polo billete do bus”, argúe.
“O PP da Coruña ten que dar explicacións. O que non é de recibo é que de cando en vez vista o traxe populista e lle pida ao Concello que invista máis en competencias que son da Xunta e logo, cando ten que exercer as súas responsabilidades ou votar en institucións como o Congreso, practique políticas claramente contrarias aos intereses da maioría da sociedade”, subliña. “Onte ensinou a súa verdadeira cara ao votar contra o exercicio dun dereito elemental e básico”, referiu.
“Nós, como BNG, desde logo imos continuar a defender a mobilidade como un dereito básico e, no Concello, no Parlamento galego e no Congreso, imos continuar a demandar máis transporte público e a prezos baixos, con mellores prestacións, máis frecuencias e máis horarios, ao servizo das maiorías sociais do noso país”, conclúe.