O BNG logra a aprobación dunha moción para paralizar a licitación de Acea de Ama en Culleredo

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) traslada que o Pleno de Culleredo aprobou recentemente a moción presentada polo BNG, que solicita á Xunta de Galicia que deixe en suspenso a licitación da nova concesión do recinto deportivo de Acea de Ama para a súa explotación por unha empresa privada durante 20 anos. O BNG critica que a Xunta non teña en conta que as instalacións deben estar ao servizo da cidadanía, e non ao interese dun negocio privado.
A moción aprobada instou ao Concello a iniciar un proceso de negociación coa Xunta para a creación dunha instalación que contemple unha piscina de dimensións olímpicas, a fin de permitir a celebración de competicións oficiais na comarca da Coruña e completar o circuíto de piscinas olímpicas de Galicia. Cabe lembrar que esta proposta xa foi respaldada polo propio Pleno da corporación, que aprobou apoiar a emenda do BNG aos orzamentos da Xunta para o ano 2024.
O proceso negociador debe tamén abordar a xestión das instalacións, priorizando o acceso da veciñanza fronte ao lucro privado. Entre as propostas do BNG destacan a aplicación de exencións ou bonificacións nas tarifas, así como horarios accesibles para os clubs deportivos locais, co obxectivo de potenciar o deporte base en Culleredo. Ademais, reclaman a recuperación dos espazos degradados e a mellora das instalacións xa existentes.
O BNG considera que tras unha longa concesión privada, agora se presenta a oportunidade para que a Xunta asuma a responsabilidade de ofrecer servizos deportivos ao público e non simplemente tratar o exercicio físico como un negocio. Esta proposta pretende dar resposta ás reclamacións de toda a comarca e apoiar aos clubs deportivos locais relacionados coa natación.