O BNG leva ao Pleno un plan para revisar e mellorar todos os pasos de peóns

O BNG quer que a cidade conte cun Plan de Mellora da Mobilidade Peonil que arrinque cunha revisión completa do estado de todos os pasos de peóns. A iniciativa chega ao Pleno ordinario deste xoves 5 de marzo da man da concelleira Avia Veira, despois de que a formación nacionalista asegure ter recibido queixas veciñais ‘en todos os barrios’ polo deterioro e a falta de visibilidade de moitos pasos de cebra.
Segundo expón Veira, o problema non se limita ao borrado da pintura. O BNG tamén apunta á dificultade para ver os pasos pola noite ou en días de choiva, á ocupación indebida por vehículos, á falta de aposta por pasos sobreelevados en puntos sensibles e a diversas deficiencias no espazo público, como o deterioro das pedras na Cidade Vella ou situacións concretas na contorna de Alcalde Marchesi.
A moción propón que os pasos se volvan pintar con materiais máis resistentes ao clima da cidade, que se reforcen as condicións de visibilidade e que se eleven aqueles nos que sexa tecnicamente posible. Ademais, o BNG pide implicación directa da Policía Local cunha campaña de vixilancia e sanción para condutas que poñen en risco a seguridade peonil, tanto por invasión dos pasos como pola circulación de bicicletas e patinetes polas beirarrúas.
O plan, engade a proposta, debería incluír tamén unha inspección do estado das beirarrúas para axilizar reparacións e unha revisión das bandas redutoras instaladas en varios puntos, co obxectivo de mellorar a seguranza viaria.
O debate chega nun contexto no que o Concello vén salientando a caída da sinistralidade: no balance oficial de 2024 contabilizáronse 758 accidentes (67 menos que en 2023) e reducíronse os feridos por atropelo de 117 a 90, ao tempo que se actuou en puntos de risco con medidas como pasos sobreelevados, redutores físicos e mellora da sinalización, especialmente en contornas escolares.