O BNG leva ao pleno de Miño unha proposta para garantir fondos fixos de mantemento en rúas, camiños e saneamento

ACoruñaXa
A formación denuncia deficiencias recorrentes en beirarrúas, firmes e drenaxe e pide unha partida específica nos Orzamentos de 2026 con planificación anual e criterios de prioridade
MIÑO bng alberte g nicolas
17 Dec 2025

O BNG de Miño anunciou que presentará no pleno ordinario deste xoves, 18 de decembro, unha iniciativa para dotar o Concello dunha partida orzamentaria “específica e suficiente” destinada ao mantemento ordinario das infraestruturas municipais. A proposta céntrase en actuacións básicas en rúas, camiños, estradas municipais e na rede de saneamento e drenaxe, que segundo a formación levan anos sen executarse de maneira axeitada pese ás queixas veciñais.

Os nacionalistas aseguran que en distintos puntos do municipio son habituais problemas como beirarrúas en mal estado, firmes deteriorados, baches e afundimentos puntuais, gabias sen limpar ou sumidoiros obstruídos. Un conxunto de incidencias que, aínda que non impliquen grandes obras, teñen impacto directo na seguridade viaria, na accesibilidade e na calidade de vida.

'O mantemento ordinario non pode seguir sendo a gran esquecida da acción de goberno en Miño. Son pequenas actuacións, mais imprescindíbeis, que levan reclamando durante moito tempo e que seguen sen resposta', afirmou o portavoz municipal, Alberte G. Nicolás, quen tamén advertiu de que a falta de prevención acaba converténdose en problemas 'máis graves e custosos', tanto no plano económico como no benestar da cidadanía.

O BNG fai especial fincapé na limpeza de gabias, cunetas e sumidoiros para evitar inundacións e asolagamentos, sobre todo no outono e no inverno. Nicolás considera que non é 'razoábel' que os mesmos episodios se repitan cada ano por non existir un mantemento mínimo e continuado, e apunta ademais á situación do contrato coa empresa subministradora que ,segundo indica, non tería a obriga de asumir esa tarefa e cuxo acordo estaría caducado.

A proposta pasa por reservar nos Orzamentos Municipais de 2026 unha partida estable para reparacións puntuais, parcheado de beirarrúas e firmes, limpeza de gabias e cunetas e mantemento de sumidoiros. Ademais, os nacionalistas solicitan unha planificación anual con criterios claros de prioridade baseados na seguridade, a accesibilidade e a prevención de riscos, así como unha interlocución constante coa veciñanza. “Falamos de coidar o que xa temos, de actuar a tempo e de escoitar á xente. Iso tamén é servizo á veciñanza”, concluíu o portavoz.

⚙ Configurar cookies
0.07779598236084