O BNG leva ao pleno de Bergondo un plan urxente para mellorar o abastecemento de auga

ACoruñaXa
A formación pide que Concello e administracións con competencias fixen investimentos e prazos concretos tras un verán con avisos de subministro e queixas por turbidez e falta de presión
BERGONDO David Carro BNG
23 Sep 2025

O BNG presentará no próximo pleno unha proposta para que o Concello de Bergondo traslade ás diferentes administracións e organismos implicados a preocupación polo que aconteceu este verán co abastecemento de auga no municipio. A formación nacionalista lembra que se produciron episodios de turbidez e baixa presión en vivendas, e que mesmo se chegou a alertar dunha posible insuficiencia de subministro malia que o embalse rondaba o 80% de capacidade, un escenario que, ao seu xuízo, “non pode repetirse nun servizo básico”.

O portavoz municipal, David Carro, reclama tomar posición e abrir unha mesa de coordinación na que cada administración “asuma o que lle corresponde” cun calendario claro de actuacións. Entre as hipóteses que manexa o grupo, apúntanse fugas na rede, melloras pendentes nas tubaxes e a necesidade dun novo depósito de regulación, unha infraestrutura que Bergondo, Sada, Oleiros e Cambre veñen demandando para garantir o servizo nunha contorna de poboación crecente, especialmente nos meses de verán.

A iniciativa do BNG busca que o pleno insta á Xunta, Deputación e entidades xestoras a analizar con urxencia as causas, comprometer investimentos e fixar prazos para acadar un abastecemento óptimo e de calidade. “Hai tempo que a veciñanza se queixa, e este verán saltou a alarma. Cómpre actuar agora para asegurar a auga mañá”, resumiu Carro.

⚙ Configurar cookies
0.077934980392456