O BNG leva ao pleno as críticas polo uso do auditorio da Casa da Cultura por parte do PSOE

ACoruñaXa
Os nacionalistas aseguran que a cesión do espazo se vén denegando a colectivos e outros grupos fóra de períodos electorais e piden normas iguais para todos
BERGONDO casa cultura
14 Dec 2025

O BNG de Bergondo denunciou no último pleno municipal o que cualifica como un uso 'partidista' do auditorio da Casa da Cultura por parte da Agrupación Socialista de Bergondo (PSOE). O portavoz municipal nacionalista, David Carro, sostén que o Goberno local adoita non ceder este espazo, agás en períodos electorais, ao argumentar que no mesmo edificio se atopan oficinas administrativas de cultura, educación e deportes e que podería haber acceso a expedientes. Nesa liña, Carro afirmou que existiría unha solución sinxela para evitar ese risco, como manter os despachos pechados con chave.

Segundo expuxo o voceiro, a formación nacionalista tivo coñecemento de que a finais de outubro o PSOE organizou un encontro no auditorio, un feito que, ao seu xuízo, contrasta coas limitacións aplicadas ao resto de grupos e ao tecido asociativo local. O BNG afirma que hai entidades interesadas no local que non chegan a solicitalo porque dan por feito que non lles sería autorizado e preguntou no pleno por que, se existen outros espazos dispoñibles no municipio, a agrupación socialista non recorreu a unha alternativa.

Carro tamén criticou a explicación ofrecida pola alcaldesa, que, segundo a súa versión, xustificou o uso do auditorio indicando que se empregou porque 'ten a chave'. O portavoz do BNG respondeu que esa chave, en todo caso, correspondería á alcaldesa pola súa condición institucional e non por pertencer ao PSOE. A formación nacionalista insiste en que, se hai normas de uso, deben aplicarse do mesmo xeito a partidos, entidades sociais, clubs e asociacións.

⚙ Configurar cookies
0.078330039978027