O BNG leva ao pleno a reapertura da radio municipal de Betanzos, pechada sen programación estable desde 2007

O BNG de Betanzos volveu poñer enriba da mesa a recuperación da radio municipal. As nacionalistas presentaron unha iniciativa no pleno ordinario do mes de febreiro, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Radio, para pedir ao goberno local que reabra a emisora e a dote do persoal necesario para volver emitir cunha programación estable.
Segundo lembra o grupo, Betanzos contou cunha radio municipal nas instalacións de Bellavista, inaugurada en agosto de 1997. A emisora deixou de emitir unha grella continua en 2007, aínda que durante un tempo mantivo a retransmisión dos plenos e conexións con outras radios. Na actualidade, sostén o BNG, o concello dispón de dúas instalacións pechadas pero carece tanto de persoal como dun proxecto de emisión regular.
A concelleira Amelia Sánchez defende que a reapertura permitiría ‘darlle voz’ a colectivos betanceiros como asociacións veciñais, centros educativos ou novas formacións musicais, ofrecéndolles unha canle para dar a coñecer actividade e proxectos. Ao mesmo tempo, o BNG subliña unha dimensión institucional: a radio municipal como ferramenta de transparencia, ao facilitar espazos para os grupos políticos e para os axentes sociais da cidade.
Sánchez engadiu tamén que a emisora podería adaptarse ás novas formas de consumo, combinando a radio tradicional con formatos como o podcast e mesmo coa emisión de contidos en directo a través da rede. Entre as posibilidades apuntadas está a adhesión á rede galega de radios municipais, para crear sinerxías e ampliar contidos.
Coa iniciativa, o BNG solicita formalmente ao executivo local a reapertura da emisora e a creación das condicións mínimas para o seu funcionamento, especialmente no referente á dotación de persoal.