O BNG leva ao Parlamento o caos do transporte metropolitano por bus na comarca da Coruña

A deputada do BNG Iria Taibo vén de rexistrar varias iniciativas no Parlamento galego para denunciar a situación que, segundo sinala a formación nacionalista, están a padecer as persoas usuarias do transporte metropolitano por autobús na área da Coruña.
As queixas chegan tras a reunión mantida o pasado 1 de xullo entre representantes dos concellos da comarca e a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontenla, así como coa delegada territorial, Belén do Campo. No encontro debatéronse as propostas que os gobernos locais levan meses remitindo á Xunta, sen que, segundo o BNG, se obteñan respostas nin solucións efectivas.
Entre as principais problemáticas denunciadas figuran a escasa información actualizada sobre liñas e horarios, frecuencias insuficientes —especialmente nas primeiras e últimas franxas horarias— e a saturación dos vehículos, o que provoca que algúns autobuses non poidan parar por falta de espazo, deixando tramos sen cubrir. A isto súmase o uso de vehículos inadecuados en certas liñas, como os destinados ao aeroporto, que contan con menos prazas dispoñibles debido ao espazo reservado para equipaxes.
A deputada Iria Taibo critica que “o Goberno galego ten o deber de fomentar o uso do transporte público, e para iso é fundamental garantir a súa utilidade”. Lembra que a comarca da Coruña é unha das máis densamente poboadas de Galicia, e que “os problemas nos desprazamentos son constantes, tanto por motivos laborais como formativos”.
Desde o BNG tamén inciden en que a aposta polo transporte colectivo é clave para frear o aumento do uso do coche particular, cun impacto directo na mobilidade e no medio ambiente. “Un servizo deficiente non cumpre coa súa función de reducir o uso do vehículo privado, polo que tamén hai que contemplar os horarios de ocio e os desprazamentos habituais”, engaden.
A formación nacionalista reclama un diálogo real e transparente entre a Xunta e os concellos afectados, “coa finalidade de atender as necesidades reais da cidadanía, que mudan cos cambios sociais e demográficos”. Tamén defenden que a poboación debe estar informada das xestións que se fan e das razóns polas que se aceptan ou rexeitan as propostas dos municipios.
Ademais, o BNG xa rexistrou iniciativas concretas que inclúen a mellora da coordinación cos concellos da área metropolitana, a corrección de horarios e frecuencias, así como a actualización dos sistemas de información sobre as liñas dispoñibles.
A formación avanza que se interesará tamén pola nova reunión prevista coa contorna máis próxima á cidade da Coruña e insiste en que “os intereses da cidadanía deben estar por riba dos da empresa concesionaria”.