O BNG leva ao Parlamento Galego as reivindicacións de máis profesorado no CEIP Plurilingüe de Tarrío

ACoruñaXa
A deputada Iria Taibo defenderá na Comisión 4.ª unha proposición non de lei que recolle as demandas da ANPA, tras acompañar xunto á concelleira Laura Raposo a mobilización celebrada o pasado martes en Culleredo
CULLEREDO manifa anpa rosalia
11 Dec 2025

O BNG trasladará o venres 12 de decembro, ao Parlamento Galego as demandas da comunidade educativa do CEIP Plurilingüe de Tarrío, en Culleredo. A deputada nacionalista Iria Taibo defenderá na Comisión 4.ª unha proposición non de lei que recolle as reivindicacións da ANPA Rosalía de Castro en materia de dotación de profesorado e atención á diversidade.

A formación nacionalista volveu mostrar este martes o seu apoio ao centro educativo participando na mobilización convocada pola ANPA, unha protesta na que estivo presente a concelleira de Culleredo Laura Raposo xunto con Taibo. Ambas lamentaron as restricións que, segundo denuncian, están a impor as autoridades a este tipo de concentracións, de carácter pacífico e familiar, xa que só se está a permitir o corte dun pequeno treito da estrada diante do colexio, o que limita o seu impacto.

As demandas que o BNG levará á Cámara autonómica inclúen a incorporación dun profesional de Pedagoxía Terapéutica (PT) para o centro, o reforzo do profesorado de apoio en Educación Infantil, que na actualidade non está garantido, e a creación dunha cuarta unidade en 4.º de Primaria para atender o incremento do alumnado.

Desde o BNG subliñan que estas peticións son compartidas por numerosas ANPAS e claustros doutros centros do país, que desde o inicio de curso están a protagonizar diferentes mobilizacións pola falta de profesorado de apoio. A formación insiste en que garantir unha educación pública de calidade pasa por protexer a atención á diversidade e por asegurar unha dotación suficiente de profesorado en todos os niveis.

⚙ Configurar cookies
0.084033966064453