O BNG leva ao Parlamento a queixa das familias do CEIP Concepción Arenal pola redución do profesorado de apoio

ACoruñaXa
Mercedes Queixas e Avia Veira reúnense coa ANPA e anuncian unha iniciativa para que a Xunta reforce os recursos destinados ao alumnado con NEE e NEAE
A CORUÑA anpa concepcion e bng
24 Sep 2025

O Bloque Nacionalista Galego trasladará ao Parlamento de Galicia a indignación das familias do CEIP Concepción Arenal pola caída de recursos de apoio ao alumnado con necesidades educativas especiais. Tras unha xuntanza da deputada Mercedes Queixas coa concelleira Avia Veira e unha representación da ANPA, o BNG adiantou o rexistro dunha proposición non de lei e de preguntas orais e escritas co obxectivo de que a Consellería de Educación rectifique e dote o centro do persoal preciso para garantir a igualdade de oportunidades.

O colexio, con máis de 400 estudantes, atende 20 nenas e nenos con NEE e 60 con NEAE, pero conta este curso con menos profesorado de apoio ca o pasado. Segundo os datos achegados polas familias, o centro dispón de 1 orientadora (de baixa e substituída), 2 AL (as prazas están ocupadas polo director e por unha docente de apoio), 2 PT e 2 coidadoras. Para o BNG, esta situación tradúcese en menos atención individualizada, máis dificultades para responder á diversidade e un deterioro do dereito a unha educación en equidade e calidade.

A iniciativa presentada polo grupo nacionalista para a Comisión 4ª insta a Xunta a incrementar o cadro de persoal no CEIP Concepción Arenal de forma inmediata e a planificar con criterios pedagóxicos a cobertura de necesidades, especialmente no ámbito de audición e linguaxe, pedagoxía terapéutica e orientación. “Os recortes non poden converter a Administración no problema: cómpre garantir recursos e estabilidade para quen máis apoio precisa”, subliñou Queixas.

⚙ Configurar cookies
0.089850902557373