O BNG leva ao Parlamento a demanda de máis seguridade na AC-164

ACoruñaXa
A formación reclama á Xunta unha senda peonil continua entre a ponte do Pedrido e a N-VI ao seu paso por Bergondo e insiste tamén en actuar sobre puntos conflitivos como Fiobre e Santa Marta
BERGONDO bng AC164
Mercedes Queixas, diputada, e David Carro, portavoz municipal, nun tramo da estrada da AC164
11 Mar 2026

A seguridade viaria na AC-164 volve situarse no foco político en Bergondo. O BNG rexistrou no Parlamento galego unha iniciativa para reclamar melloras nesta estrada autonómica, unha vía moi transitada que atravesa zonas de actividade económica e servizos do municipio e na que a formación nacionalista considera necesario reforzar a protección de peóns e ciclistas. A deputada Mercedes Queixas é a encargada de trasladar a demanda á Cámara galega.

A principal petición do Bloque pasa pola execución dunha senda peonil continua ao longo da AC-164, desde a ponte do Pedrido ata a confluencia coa N-VI en Guísamo. O BNG sostén que na actualidade existen treitos illados con beirarrúas ou pequenos percorridos peonís, pero sen continuidade suficiente para garantir desprazamentos seguros ao longo de toda a estrada.

A iniciativa enlaza ademais con un debate aberto desde hai meses no municipio. O Concello de Bergondo remitiu á Xunta en xaneiro o plan director da senda da AC-164 e pediu prioridade para o tramo de Santa Marta, ao considerar que se trata dunha infraestrutura urxente nunha vía que soporta unha intensidade media diaria superior aos 12.000 vehículos e que presenta puntos sen espazo seguro para o tránsito peonil.

O Bloque engade tamén que a mellora da estrada non debería limitarse á senda, senón revisar cuestións como o enlace de Santa Marta para evitar que vehículos pesados sigan utilizando viario local. A formación lembra ademais que xa viña advertindo sobre a perigosidade doutros puntos da AC-164, como Fiobre, onde en 2024 reclamou actuacións urxentes tras varios episodios graves.

0.10747098922729