O BNG leva ao Congreso as demandas para mellorar a N-550 ao seu paso por Ordes

ACoruñaXa
O grupo nacionalista insta ao Goberno a actuar ante a falta de seguridade viaria que denuncian as persoas residentes
ordes-N-550
5 Jun 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) intensifica a súa acción institucional para conseguir melloras na estrada N-550 ao seu paso polo concello de Ordes. O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, anunciou o rexistro de iniciativas nas Cortes do Estado co obxectivo de instar ao Goberno a actuar ante o “estado deficiente” da vía e a falta de seguridade viaria que denuncian as persoas residentes.

Durante unha visita ao municipio, Rego estivo acompañado polo portavoz municipal do BNG en Ordes, Pablo Vidal; a responsábel comarcal da formación, Elvira Cienfuegos; e a deputada no Parlamento galego, Iria Carreira. Todos eles recolleron as preocupacións da veciñanza e coincidiron na urxencia das intervencións.

“O Ministerio debe atender as demandas veciñais que lle foron achegadas a través dos pregos de sinaturas e iniciar, canto antes, as necesarias melloras do tramo da N-550 ao seu paso polo concello de Ordes”, afirmou Rego, subliñando que os problemas acumulados na vía precisan dunha resposta inmediata por parte do Ministerio de Transportes.

Entre as actuacións que o BNG considera prioritarias figura a mellora do acceso á estrada dende a parroquia de Pereira. “Entre as opcións máis factíbeis atópase a creación dun novo carril, aproveitando a zona xa expropiada, mais tamén existen outras medidas que permitan minimizar o risco, como a creación dun carril central para efectuar xiros á esquerda ou mesmo a instalación dunha rotonda”, apuntou Rego.

A formación tamén reclama a habilitación dun paso subterráneo entre os núcleos de Moscoso e A Reboira, que facilite o cruzamento da estrada e permita cambios de sentido con seguridade.

Noutra das parroquias, Montaos, o BNG propón unha intervención para resolver os problemas de drenaxe na zona da igrexa, onde a acumulación de augas pluviais dificulta o tránsito. “É necesario instalar medidas de protección para impedir caídas ou saídas de vía no desnivel entre a vía de servizo e a cuneta”, advertiu o deputado.

A revisión dos límites de velocidade tamén forma parte das propostas que o BNG trasladará ao Goberno central. “O Ministerio debe realizar unha revisión dos actuais límites de velocidade e axustalos cando for posíbel e preciso, especialmente en puntos onde existen vivendas próximos á estrada como, por exemplo, na zona de Axás”, reclamou Rego.

Finalmente, o Bloque demanda a creación de novas vías de servizo nos tramos onde aínda non existen, como en O Canedo, A Piolla ou Axás, co fin de reforzar a seguridade e ofrecer alternativas á circulación directa pola N-550.

Con estas medidas, o BNG busca dar resposta a unha demanda reiterada da veciñanza de Ordes e continuar, desde o Congreso, a defensa das infraestruturas galegas cun enfoque centrado nas necesidades reais do territorio.

⚙ Configurar cookies
0.12450695037842