O BNG leva ao Congreso "a situación de alarma" das cooperativistas de Xuxán

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de trasladar ao Congreso dos Deputados a situación de alarma vivida polas persoas cooperativistas de Xuxán, na Coruña, tras a modificación do plan de financiamento previsto para as súas vivendas de alugueiro social. O deputado do BNG, Néstor Rego, reclamou ao Goberno central unha solución “para que se manteñan as condicións iniciais e non teñan que pagar alugueiros de 1.000 euros”.
Segundo denuncia Rego, as 224 vivendas impulsadas en réxime cooperativo sobre solo público da Xunta víanse inicialmente vinculadas a alugueiros accesibles, entre 400 e 600 euros mensuais. Porén, un cambio nas condicións por parte do Instituto de Crédito Oficial (ICO) podería elevar os prezos até os 1.000 euros, “un incremento brutal” que moitas familias non poden asumir.
“Esta previsión de aumento dos prezos faise inasumíbel para moitas persoas. De feito, algunhas das familias xa renunciaron á adxudicación por este motivo”, advertiu o deputado nacionalista, que tamén cuestionou a actuación do ICO: “É incomprensíbel que o Instituto de Crédito Oficial mude as condicións até o punto de duplicar o prezo dos alugueiros inicialmente previsto. Non é este o modo en que se satisfai o dereito a unha vivenda digna”.
As cooperativistas, segundo recolle o BNG, séntense “estafadas e enganadas” e acusan ás administracións de permitir especulación con solo público destinado a vivenda protexida. “Denuncian que se está a especular con solo público da Xunta, administración, ademais, competente en materia de vivenda”, subliñou Rego.
O deputado pide que o Goberno do Estado impulse unha reunión entre o ICO e as persoas cooperativistas para “lograr unha solución que evite o encarecemento das cotas mensuais”. Tamén reprocha á Xunta de Galicia o seu papel nesta crise: “O Goberno galego lavou as mans neste asunto. Podía ter feito máis do que fixo para facilitar o financiamento destas vivendas”.
Con esta iniciativa, o BNG pretende visibilizar no Congreso o impacto social desta modificación e presionar tanto ao Executivo estatal como ao galego para que se garanta o acceso á vivenda digna e a protección dos dereitos das cooperativistas afectadas.