O BNG lanza na Coruña a campaña 'Mellor Local, Mellor Galego' para impulsar o comercio de proximidade no Nadal

ACoruñaXa
A formación nacionalista anima a mercar nas tendas dos barrios e reclama unha lei de comercio local que protexa o sector fronte á competencia das grandes plataformas e superficies
BNG mellor local
12 Dec 2025

O BNG presentou esta mañá na Coruña a campaña 'Mellor Local, Mellor Galego', unha iniciativa coa que pretende animar as coruñesas e os coruñeses a facer as súas compras de Nadal, e tamén as do resto do ano, no comercio de proximidade, nas tendas de barrio que dinamizan a vida económica e social da cidade.

O concelleiro David Soto, responsábel de comercio do grupo municipal, explicou a proposta nunha rolda de prensa celebrada na libraría Moito Conto, na rúa Santo André, acompañado por Francisco Jorquera e Avia Veira. Segundo indicou, o obxectivo é 'impulsar o comercio de proximidade, animar a xente a que merque nas tendas dos barrios, neses establecementos que fan cidade, desenvolven un labor social importantísimo e nos que recibimos unha atención exquisita por parte das súas traballadoras e dos seus traballadores'. A campaña foi presentada hoxe de maneira simultánea nas sete cidades galegas.

Alén do chamamento directo á clientela, o BNG vincula esta iniciativa á necesidade de aprobar unha nova norma específica. 'Cómpre que o Parlamento galego aprobe unha lei que potencie o comercio de proximidade e que o fortaleza fronte á competencia desleal que sofre por parte das grandes plataformas e das grandes superficies comerciais', subliñou Soto.

O edil tivo palabras de recoñecemento para o propio sector, formado maioritariamente por pequenas empresas e autónomos que, afirmou, 'enfrontan todo tipo de problemas na súa vida laboral'. Nesa liña, lembrou que, segundo un estudo elaborado pola Xunta, as principais preocupacións do comercio local son precisamente a competencia desleal das grandes plataformas e centros comerciais, o elevado prezo dos alugueiros e unha presión fiscal que consideran inxusta.

'Esiximos que a Xunta dea solucións a estes problemas dunha vez e que o faga cunha nova lei de comercio local', concluíu Soto, quen insistiu en que apostar polo comercio de proximidade significa tamén defender o emprego, a calidade de vida nos barrios e o uso da lingua galega no día a día da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.088245153427124