O BNG insta ao Goberno local a trasladar o Arquivo Municipal a un novo emprazamento
O BNG da Coruña traslada que o estado das instalacións do Arquivo Municipal continúa xerando preocupación. O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, leva tempo advertindo sobre as deficiencias que presentan tanto a sección histórica como a administrativa. Agora, ante o recente anuncio do Goberno local de trasladar servizos municipais ao edificio da antiga Fábrica de Tabacos, Jorquera propón aproveitar esta reorganización para reubicar o Arquivo no inmóbel da Praza de Indalecio Prieto, actualmente ocupado polo Servizo Municipal de Urbanismo.
O voceiro nacionalista defenderá esta proposta no Pleno do vindeiro xoves, onde presentará un rogo oral para instar ao Goberno local a encargar os proxectos e iniciar os trámites necesarios para avaliar a viabilidade deste traslado. Segundo as informacións que manexa o BNG, o edificio de Indalecio Prieto reuniría as condicións idóneas para albergar o Arquivo Municipal, permitindo solucionar as carencias das actuais instalacións.
Na actualidade, a sección histórica do arquivo atópase na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, na rúa Durán Loriga, mentres que a parte administrativa está dividida entre o Pazo de María Pita e un depósito no polígono da Agrela. En setembro pasado, e a iniciativa do BNG, o Pleno aprobou por unanimidade unha moción presentada por Jorquera para mellorar as instalacións e aumentar o persoal do Arquivo Municipal.