O BNG insta ao Goberno local a apoiar o proxecto de cartografía dos bens públicos da Coruña

O Bloque Nacionalista Galego de A Coruña impulsou unha iniciativa para que o Concello preste apoio ao proxecto 'A Coruña Pública', unha ambiciosa cartografía dos bens públicos da cidade. O estudo foi realizado polo grupo Ergosfera en colaboración con profesores dos departamentos de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Na súa primeira fase, segundo indican, o proxecto identificou con precisión os terreos e edificacións de titularidade pública, ademais de localizar bens patrimoniais actualmente en desuso. Segundo o BNG, contar cunha cartografía detallada permitirá ao Concello tomar decisóns máis informadas sobre a xestión do patrimonio público.
Por este motivo, a concelleira do BNG, Avia Veira, presentará no Pleno unha moción para que o Goberno local financie a segunda fase do proxecto. Entre os obxectivos desta nova etapa estaría a mellora do visor cartográfico dixital e a actualización dos procesos de transformación urbana en curso, como a reforma da Vedra, o proxecto de interese autonómico "Monte Mero" e os desenvolvementos en San Pedro de Visma ou a API-R29 Bergondo-C. Eirís-Oleoduto.
Para Veira, este traballo constitúye unha ferramenta clave na defensa dos bens públicos coruñeses: “Só a través do coñecemento sobre o que é ou non público podemos protexernos de tentativas de privatización ou usos afastados do ben común”, subliña.
A moción do BNG insta ademais ao Goberno local a buscar financiamento para que o proxecto poida completarse e a mediar para conseguir o respaldo doutras administracións públicas.
O proxecto foi desenvolvido entre febreiro de 2024 e xaneiro de 2025 por Iago Carro Patiño (Ergosfera), Ramón Fernández Sánchez (Ergosfera/Hábitat Social), Cristina Botana Iglesias (Departamento de Xeografía, USC) e Brais Estévez Vilariño (Departamento de Xeografía, USC). A iniciativa contou co financiamento da 2ª Convocatoria de Proxectos de Investigación do "Programa de Impulso á Investigación Universitaria en Tecnoloxías para o Ben Común" (2024), promovido pola rede Artigo9Tech, Enxeñería Sen Fronteiras e Arquitectura Sen Fronteiras.