O BNG insta ao Goberno local a actuar fronte aos atascos diarios na Rolda de Outeiro

ACoruñaXa
Ademais dos problemas de tráfico, Queixas denuncia a dificultade crecente para atopar aparcadoiro na zona
Mercedes_Queixas
3 Jul 2025

A concelleira do BNG, Mercedes Queixas, levará ao Pleno do vindeiro venres 11 de xullo un rogo oral no que solicita ao Goberno municipal que tome medidas urxentes para paliar os colapsos de tráfico que se producen cada día na Rolda de Outeiro. Segundo a edil nacionalista, a situación deriva da “falta de planificación” á hora de executar, de maneira simultánea, varias obras viarias en vías clave da cidade, cunha elevada intensidade de circulación.

Queixas tamén reclama solucións temporais que permitan habilitar aparcadoiros provisionais mentres duren as actuacións, co obxectivo de “optimizar o espazo público” e compensar a perda de prazas de estacionamento que está a provocar a execución das obras.

Na súa intervención, a concelleira sinala que a Avenida dos Mallos leva “varios meses fechada” no tramo que conecta coa Rolda de Outeiro, mentres que a Avenida de Arteixo está afectada polas obras de acceso á futura estación intermodal, e a Avenida da Sardiñeira tamén permanece cortada por actuacións vinculadas ao mesmo proxecto. Queixas advirte ademais que “xa se anunciou que o proxecto contempla eliminar a circulación en dirección saída” nesta última vía.

A mobilidade viuse aínda máis afectada, segundo indica, pola inutilización dun carril na Rolda de Outeiro en dirección ao centro da cidade desde hai meses, e tamén polo peche recente doutro carril en dirección saída, á altura da estación de ferrocarril. A isto súmase a supresión de rutas alternativas como a da rúa Europa, o que, ao seu ver, agrava aínda máis a situación.

Ademais dos problemas de tráfico, Queixas denuncia a dificultade crecente para atopar aparcadoiro na zona, debido á desaparición de prazas en varias rúas. Lembra que se trata dunha área cunha alta densidade poboacional e edificacións antigas sen garaxe, o que repercute negativamente na veciñanza.

Para a concelleira do BNG, todo isto é resultado dunha “clara falta de planificación do Executivo coruñés” e dunha “nula preocupación do Goberno de Inés Rey por prever un plan de mobilidade alternativo” que mitigase os efectos dun escenario “perfectamente previsíbel”.

⚙ Configurar cookies
0.17980408668518