O BNG insta ao Goberno de Inés Rey a desatascar as súas “tarefas pendentes” en memoria democrática

O BNG levará ao Pleno municipal do vindeiro xoves 8 de maio unha moción para reclamar ao Goberno Local que reactive as políticas de memoria democrática, paralizadas desde hai anos. A concelleira nacionalista Mercedes Queixas será a encargada de defender a iniciativa, que pretende poñer fin ao que cualifica como “parálise absoluta” por parte do Executivo que lidera Inés Rey.
“As tarefas pendentes do Goberno de Inés Rey nesta materia son practicamente todas”, advertiu Queixas, que tamén formulou unha pregunta por escrito e rexistrou un rogo oral para reforzar a súa petición.
Entre os principais incumprimentos sinalados pola edil atópase a inactividade do Consello da Memoria Democrática: “O Consello da Memoria Democrática leva catro anos sen ser convocado”, denuncia Queixas, quen considera que este feito é unha mostra clara da falta de respecto polos órganos de participación cidadá.
A nacionalista critica ademais que o Goberno local “non ten para nada en conta a existencia do Consello”, como demostra, di, o “recente nomeamento de lugares da memoria —como a contorna da Torre de Hércules, a Casa Cornide ou a Casa Casares Quiroga— sen consultar previamente con ese órgano”.
Na moción, Queixas tamén fai referencia ás “débedas pendentes” do Executivo socialista, como o esquecemento do informe elaborado polo Instituto José Cornide hai seis anos, que recollía propostas para retirar as honras e distincións a represores franquistas. “Desde hai 6 anos ten nun caixón o informe”, critica.
Outra das reclamacións destacadas é o incumprimento do acordo da Xunta de Goberno Local de 2020 para colocar un monumento en homenaxe aos Irmáns da Lixivia, asasinados polos fascistas en 1936. “Unha escultura de Ramón Conde cedida ao Concello por Selva García, fillo dun dos superviventes da barbarie”, lembrou Queixas.
O BNG tamén reclama transparencia respecto á situación da Casa Cornide, solicitando explicacións sobre o proceso de revisión de oficio dos acordos que permitiron que o inmoble rematase en mans da familia Franco. “Continuamos sen saber o estado en que se atopa ese proceso”, apunta Queixas, que critica tamén a inacción municipal á hora de instar á Xunta a que obrigue aos actuais propietarios a cumprir coas obrigas derivadas da declaración de BIC, como a apertura ao público.
A formación nacionalista pide que o Concello dea pasos decididos para facer valer a memoria histórica e reparar a débeda coas vítimas do franquismo: “Non pode haber democracia plena sen memoria”, concluíu Queixas.