O BNG insta á Xunta a cubrir prazas de pediatría e especialidades no centro de saúde do Carregal

O BNG demanda á Xunta a cobertura de todas as prazas de pediatría e de especialidades para cubrir as necesidades do centro de saúde do Carregal, en Betanzos. Con ese fin vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia. A deputada nacionalista Mercedes Queixas advirte nas preguntas e proposición non de lei rexistradas que “Galiza padece a día de hoxe un acelerado deterioro da súa sanidade pública que ten a súa orixe en anos de recortes e privatizacións continuadas por parte da Xunta de Galiza, como evidencia a reiterada mobilización social que se estende por todo o país”.
A parlamentaria nacionalista advirte que “este deterioro se manifesta no aumento das listaxes de agarda para recibir atención de especialistas e atención primaria e unha cada vez máis acusada ausencia de persoal médico, de enfermaría e auxiliar en todos os servizos sanitarios”. No caso concreto do centro de saúde de Betanzos. Mercedes Queixas lembra que “no BNG vimos denunciando ao longo dos anos a carencia de persoal médico suficiente, a necesidade de persoal de pediatría ou a falta de persoal para cubrir as baixas e as vacacións dos facultativos sanitarios”.
“Aínda hai un par de semanas o Pleno do Concello de Betanzos aprobaba unha iniciativa demandando a cobertura de prazas de pediatría e especialidades porque a situación no ambulatorio, lonxe de solucionarse, vense agravando ano tras ano e concurso de traslados tras concurso de traslados”, relatou.
Así, apunta que “no caso específico do persoal de pediatría, está a comunicarse ás familias que acaban de ter bebés que as pediatras do centro sanitario non teñen cupo, forzándoas a presentaren reclamacións para que se lle asigne un pediatra aos seus fillos e fillas que, en ocasións, é asignado nun centro de saúde doutro concello”. “Esta situación, que se produce mesmo cando se debe asignar un pediatra por agrupamento familiar, resulta intolerábel e esixe unha solución desde o Sergas e a Consellaría de Sanidade”, advirte a deputada do BNG Mercedes Queixas.
Por este motivo, desde o BNG instan ao Parlamento a demandar á Consellaría de Sanidade a dotar de todas as prazas de pediatría precisas, así como de especialistas médicos e de persoal sanitario para cubrir as necesidades do centro de especialidades de Betanzos. A deputada do BNG advirte ao goberno galego nas súas iniciativas da “falta de especialistas médicos e persoal sanitario no centro de especialidades de Betanzos” e da “insuficiente atención pediátrica neste centro de Betanzos” a pesar do esforzo adicional que, nestas circunstancias, exixe o SERGAS ao persoal existente.
Mercedes Queixas demanda ao goberno galego que aclare se entende que con esta situación do centro de saúde ”está a ofrecer unha boa atención sanitaria pública cando unha familia non ten pediatra no centro de saúde para o seu fillo ou filla”. Para o BNG, resulta lamentable que a Xunta estea obrigando a que “unha familia con varios fillos non teña asignado pediatra por agrupamento familiar no seu concello, senón cadanseu pediatra en concellos diferentes”.