O BNG impulsa a creación dunha comisión de seguimento para a licitación de Nostián

O BNG de Coruña traslada que o pleno do Concello aprobou, por iniciativa do BNG, a creación dunha comisión que fará seguimento da licitación do novo contrato da planta de tratamento de residuos de Nostián, cuxa concesión rematou en decembro de 2019. A proposta, formulada a través dunha emenda do voceiro nacionalista Francisco Jorquera a unha moción do PP e transaccionada co grupo socialista, tamén insta o Goberno local a axilizar a licitación do contrato para garantir que Nostián funcione como unha verdadeira planta de reciclaxe e compostaxe.
Jorquera criticou que a moción do PP respondese a unha estratexia para "pór paus nas rodas a Nostián", xa que o Pleno non ten a potestade de anular o acordo transaccional con Urbaser, acordo que xa foi homologado xudicialmente e que garante que non hai prexuízo para o interese público.
O Pleno apoia as mocións do BNG e cuestiona a xestión do Goberno local
O BNG expón que logrou tamén o apoio ás súas mocións sobre o reforzo do servizo de Correos e a mellora dos polideportivos dependentes da Xunta, ambas aprobadas por unanimidade. A proposta sobre o proxecto 'A Coruña Pública', unha iniciativa para cartografar os bens públicos da cidade, contou co respaldo do grupo socialista pero co voto en contra do PP.
Na quenda de preguntas orais, o edil nacionalista David Soto cuestionou a falta de nomeamento dun xerente para o Consorcio de Turismo, vacante desde hai 13 meses, e denunciou as súas consecuencias, como a falta de planificación e os problemas no aeroporto de Alvedro, onde só se renovaron 4 dos 6 convenios con aeroliñas no último ano.
Tamén criticou a ausencia dun regulamento sancionador contra a violencia machista nos recintos deportivos municipais, despois dun episodio de agresión verbal a unha árbitra de 13 anos. Soto instou o Goberno local a prohibir o acceso ás instalacións a persoas que cometan este tipo de actos, pero non obtivo resposta clara por parte da concelleira Nereida Canosa.
O futuro de Mulleres Colleiteiras en risco
O voceiro do BNG, Francisco Jorquera, preguntou ao Goberno local sobre a renovación do convenio con 'Mulleres Colleiteiras', iniciativa que promove o reciclaxe de aceite doméstico e o empoderamento feminino. A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, confirmou que non se renovará o convenio, alegando que a lexislación obriga a licitar o servizo. O BNG discrepa e sostén que a lei permite transformar o convenio nun contrato sen contraprestación económica, permitindo así a continuidade do proxecto.