O BNG frea unha modificación orzamentaria do IMCE ao non apoiar a proposta do Goberno local

A falta de apoio do BNG foi determinante para que o Goberno municipal da Coruña decidise finalmente non levar ao Pleno extraordinario deste xoves, 31 de xullo, unha modificación orzamentaria do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). A proposta, que xa fora aprobada no Consello Reitor do IMCE o pasado 19 de xuño co voto en contra do Bloque, precisaba pasar polo Pleno para a súa validación definitiva.
A modificación, segundo o partido nacionalista, consistía na transferencia de 91.000 euros procedentes da partida destinada ás subvencións para as festas dos barrios —dotada inicialmente con 500.000 euros, dos cales se empregaron 408.683—, co fin de financiar outros espectáculos organizados polo IMCE. Traslada que, segundo o Executivo local, esta reorientación de fondos era necesaria para cubrir “os elevados cachés dos artistas, así como os prezos dos técnicos de produción”.
Porén, o BNG rexeita esta xustificación. “Ao BNG non lle convence esta xustificación”, afirmou o portavoz nacionalista Francisco Jorquera, que fundamenta a oposición do seu grupo en dúas razóns principais.
En primeiro lugar, sinala a súa discrepancia co modelo de festas do Goberno de Inés Rey, ao considerar que este “centra grande parte dos esforzos en contratar artistas de elevados cachés, mentres se descoidan os creadores locais e o noso tecido cultural”. Como exemplo recente, lembra a cancelación dos dous concertos da Orquestra Xoven previstos en María Pita, motivada pola situación económica do Consorcio de Promoción da Música.
En segundo lugar, Jorquera critica que a transferencia de fondos a “outros traballos realizados por empresas e profesionais” suporía “engordar” unha partida que, segundo o BNG, o Goberno local xestiona “de forma discrecional e carente do máis mínimo rigor, que tanto caracteriza o concelleiro de Cultura”.
O portavoz nacionalista tamén denuncia a improvisación e a falta de previsión na organización das festas, lembrando que “até o xoves da semana pasada non coñecésemos a programación das Festas de María Pita e quen ía ser a pregoeira”. Ademais, subliña que, máis alá da cancelación do concerto de Diego El Cigala, houbo outros espectáculos suspendidos durante este verán.
Así, o BNG mantén a súa posición crítica fronte á política cultural do Executivo municipal e rexeita destinar máis fondos a un modelo que considera desequilibrado e pouco transparente.