O BNG espera solucións clave para definir a súa posición sobre a nova fronte marítima

ACoruñaXa
O portavoz nacionalista, Francisco Jorquera, explicou a postura do seu partido no proceso de conformación
bng-Jorquera-Coruña-Marítima
28 Jan 2025

O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, explicou a postura do seu partido respecto ao proceso de conformación da nova fronte marítima da cidade. A súa posición final dependerá da resolución de varios asuntos clave, como o mantemento da titularidade pública dos espazos portuarios, a condonación da débeda ou unha solución equivalente, e o financiamento da transformación e urbanización dos peiraos.

Na reunión celebrada o pasado venres pola Comisión Coruña Marítima, o BNG optou por absterse no debate e votación das bases estratéxicas para a redacción do proxecto. Segundo Jorquera, estas bases teñen “luces” e tamén “sombras”, con elementos positivos pero tamén aspectos que “merecen reservas e cautelas”.

Entre os puntos positivos, o portavoz nacionalista destacou a inclusión de propostas históricas do BNG, como o aproveitamento da infraestructura ferroviaria existente no porto para implantar servizos ferroviarios de proximidade, un compromiso que tamén figura no acordo de investidura subscrito entre o PSOE e o BNG no Estado. Outras achegas, como a creación de infraestruturas verdes ou a loita contra os efectos do cambio climático, tamén foron ben recibidas polo BNG.

No entanto, Jorquera mostrou preocupación pola opción de realizar un concurso internacional restrinxido, xa que considera que isto limitaría as posibilidades de que expertos locais participaran en igualdade de condicións. O BNG tamén sinalou a importancia de evitar a imitación de modelos foráneos e de pensar nunha “escala coruñesa” que respecte as características da cidade, coidando a paisaxe urbana e a conservación do patrimonio.

Un dos principais puntos de discrepancia atópase na titularidade dos terreos portuarios e o financiamento da transformación. O BNG considera que os convenios de 2004, que permitían a venda de solo portuario para financiar Punta Langosteira, deben “darse por superados” e propón que a solución á débeda non pase pola venda de activos. En cambio, Jorquera suxire que se condone a débeda ou se busque unha solución equivalente, como se fixo no caso do porto de Valencia.

Ademais, o BNG propón a creación dun consorcio de administracións públicas que participe na transformación dos terreos, no que a Administración Xeral do Estado tamén debería contribuír cunha achega equivalente á débeda do Porto da Coruña.

No que respecta á posible introducción de usos residenciais na nova fronte marítima, o BNG asegura que, se se constrúen vivendas, a titularidade pública dos espazos debe ser garantida, evitando densidades excesivas e a creación dunha “illa para ricos”. O partido defende unha mestura de usos, como zonas verdes, equipamentos e un polo de innovación ligado á economía verde e azul, e destaca a importancia de ofrecer unha ampla gama de vivenda pública.

Por último, Jorquera comentou a proposta de crear un “espazo multiusos cuberto de gran capacidade en San Diego” e defendeu que antes de pensar en novos equipamentos, deberiamos centrarnos en mellorar os existentes, como o Pazo da Ópera ou o Fórum Metropolitano, que presentan deficiencias.

 

0.16291904449463