O BNG esixe protocolos de seguridade no CHUAC tras unha nova agresión a persoal sanitario

ACoruñaXa
O partido nacionalista insta á Xunta a actuar de inmediato para garantir condicións de seguridade para o seu labor
Imaxe do CHUAC
5 Mar 2025

A deputada do BNG Mercedes Queixas denuncia a inacción da Xunta ante a inseguridade que sofre o persoal sanitario do CHUAC, tras a nova agresión sufrida por traballadoras do hospital coruñés. “Non pode ser que a Xunta continúe sen actuar, sen impulsar os protocolos de seguridade que o persoal sanitario está a reclamar”, afirmou Queixas.

A parlamentaria lembrou que mantivo unha reunión con profesionais do CHUAC, quen lle trasladaron a súa preocupación ante a situación. “Comprometémonos a levar as súas demandas ao Parlamento”, explicou. Como resposta a esta problemática, o BNG xa ten rexistrado unha proposición non de lei instando á Xunta a implementar de forma inmediata os protocolos de actuación e seguridade para garantir a protección de todo o persoal sanitario do centro.

Queixas criticou que, ante a crecente inseguridade, a única resposta do Goberno galego fora anunciar unha modificación na Lei de Sanidade, baseándose en protocolos do SERGAS que levan unha década aprobados pero que a xerencia do CHUAC non estivo a cumprir.

Ademais, advertiu de que o enfoque punitivo non é a solución ao problema. “O que fai falta é reforzar o cadro de persoal do CHUAC e adaptar as infraestruturas dos espazos sanitarios para atender de maneira axeitada ás persoas doentes que, debido ás súas patoloxías, teñan un perfil agresivo”, concluíu a deputada nacionalista. Desde o BNG esixen ao Goberno galego que actúe de inmediato para garantir que o persoal sanitario poida desenvolver o seu labor en condicións de seguridade.

⚙ Configurar cookies
0.72951889038086