O BNG esixe datos e explicacións no Pleno e no Parlamento pola contaminación na auga da praia de Santa Cruz en Oleiros

ACoruñaXa
A formación nacionalista denuncia a ausencia de sinalización malia a prohibición permanente de baño na listaxe da Xunta e pide a Augas de Galiza medidas para localizar verteduras e corrixir a situación
OLEIROS playa santa cruz
19 Sep 2025

O BNG de Oleiros vén de demandar aclaracións pola situación da calidade da auga na praia do Porto de Santa Cruz, que continúa incluída pola Xunta de Galiza na relación de areais con prohibición permanente de baño. O partido solicitará respostas no Pleno municipal e levará a cuestión ao Parlamento galego.

Segundo a listaxe sanitaria autonómica, a Consellaría de Sanidade desaconsella o baño de xeito temporal cando os controis superan determinados limiares: Escherichia coli por riba de 800 NMP/100 mL e/ou enterococos intestinais por riba de 500 NMP/100 mL.

O BNG amosou a súa preocupación porque, malia esta clasificación, non houbo sinalización específica no areal, polo que a veciñanza empregou a praia con normalidade durante todo o verán. Ao tempo, lembra que o goberno local sostivo que a calidade da auga “é boa”. Por iso, o portavoz municipal nacionalista avanzou que no Pleno de setembro preguntará se o Concello dispón de análises que desmintan os datos publicados no web do SERGAS e, de existir, reclamará a súa difusión pública para tranquilidade da cidadanía.

A praia de Santa Cruz é unha das máis concorridas do municipio, tanto por residentes como por visitantes doutras localidades, polo que o BNG considera imprescindíbel unha información clara e actualizada. A formación subliña, ademais, a contradición simbólica de manter unha restrición por contaminación nas mesmas augas onde se sitúa o CEIDA, centro de referencia en educación ambiental.

No ámbito autonómico, a deputada Iria Taibo rexistrou unha batería de iniciativas para coñecer a situación actual da auga e para que Augas de Galiza detalle as actuacións realizadas e previstas co fin de identificar posíbeis verteduras e corrixir a contaminación.

⚙ Configurar cookies
0.10472798347473