O BNG esixe ao Goberno local a instalación da escultura en homenaxe aos "irmáns da lixivia"

O BNG da Coruña vén de reclamar ao Goberno municipal que cumpra co compromiso adquirido hai case cinco anos e instale a escultura de Ramón Conde en homenaxe aos coñecidos como "Os irmáns da lixivia", os veciños de Monte Alto Jaroes, Bebel e France García, asasinados polos fascistas no Campo da Rata en 1936.
O 1 de xullo de 2020, a Xunta de Goberno Local aceptou a doazón da obra por parte de Selva García, filla do único dos irmáns que conseguiu sobrevivir ao golpe militar, Pepín García. A doazón levaba implícito o compromiso de situar a escultura na rotonda da confluencia entre as rúas Paseo Alcalde Francisco Vázquez, Manuel García Canzobre e Regata Cutty Sark. Porén, case un lustro despois, a obra segue sen instalarse no lugar prometido.
Ante esta demora, a concelleira do BNG, Mercedes Queixas, rexistrou un rogo oral para a súa lectura no Pleno municipal do xoves 13 de marzo. O texto demanda que "o Goberno Municipal asuma o seu compromiso e execute, no lugar comprometido e á maior brevidade, a instalación da escultura de Ramón Conde que homenaxea 'Os irmáns da lixivia', como mostra de recuperación da memoria persoal e familiar das vítimas da guerra civil e da ditadura na Coruña".
Para Queixas, a falta de cumprimento deste compromiso representa unha "falta de respecto" á memoria das vítimas e ás súas familias, especialmente vindo dun "goberno que se autodenomina progresista". Ademais, engade que "nin a familia das vítimas nin o propio escultor comprenden a que se debe esta dilación na execución deste compromiso".
Desde o BNG instan ao Goberno municipal a que leve a cabo a instalación da escultura de maneira inmediata e faga un recoñecemento público aos irmáns da lixivia, como parte da memoria e reparación ás vítimas do franquismo na cidade.