O BNG esixe ao Estado unha misión científica para avaliar o cemiterio nuclear da Foxa Atlántica

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) volve pór o foco sobre o cemiterio nuclear afundido fronte á costa galega, na coñecida como Foxa Atlántica, a uns 450 quilómetros do litoral. A formación denuncia a "inacción e pasividade do Goberno do Estado español" diante dun problema ambiental de enorme gravidade e reclama medidas urxentes para avaliar o estado dos máis de 225.000 bidóns con residuos radioactivos depositados no fondo mariño desde hai máis de corenta anos.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, esixe que o Estado asuma as súas competencias e poña en marcha unha misión científica propia: “Resulta incomprensíbel e irresponsábel que, despois de máis de corenta anos desde a finalización dos depósitos, o Goberno español non teña promovido unha soa misión científica propia para coñecer o estado real destes residuos perigosos”. E engade: “O Estado non pode seguir desaparecido frente ao potencial risco do lixo nuclear frente á costa galega”.
Rego alerta de que sobre esta zona do Atlántico, onde entre 1949 e 1982 foron vertidas máis de 140.000 toneladas de lixo nuclear procedentes de oito países europeos, "non hai ningún tipo de vixilancia nin control", e lembra que as únicas inspeccións se realizaron en 1988 e 1998.
A denuncia do BNG chega xusto cando unha misión científica francesa está a inspeccionar a zona co buque oceanográfico L’Atalante, equipado con tecnoloxía submarina avanzada. A investigación, impulsada polo Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS), xa localizou máis dun milleiro de bidóns e ten prevista unha segunda fase en 2026 para actuar directamente sobre os residuos.
“Non se entende que sendo a costa galega a máis exposta a calquera risco potencial, o Goberno do Estado non impulse unha investigación científica propia, a través do CSIC ou doutras institucións, que permita coñecer a situación real dos bidóns e o seu impacto ambiental”, critica Rego.
Ademais, o BNG sinala que nin o Consello de Seguridade Nuclear nin a Axencia Internacional da Enerxía Atómica realizaron ningún seguimento nos últimos 25 anos, a pesar dos avisos da comunidade científica sobre o posible deterioro dos recipientes e o conseguinte risco de contaminación mariña.
“É inadmisíbel que o Estado permaneza impasíbel mentres se descoñece o estado dun cemiterio nuclear nas inmediacións das nosas costas. Non é unha cuestión secundaria, senón un asunto de saúde ambiental, seguranza e responsabilidade internacional”, conclúe o deputado nacionalista.