O BNG destaca as mocións que conseguiu sacar adiante no último Pleno municipal

ACoruñaXa
Impulsou máis zonas verdes, reivindicou a pegada de Castelao e defendeu a creatividade local nas campañas municipais
bng-pleno-abril
11 Apr 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) conseguiu sacar adiante no último Pleno municipal da Coruña as tres mocións que presentou, dúas delas aprobadas por unanimidade e unha terceira co respaldo do grupo socialista e a abstención do PSOE. As propostas abordaron temas chave para o futuro da cidade: o impulso das zonas verdes, a recuperación da memoria de Castelao e o recoñecemento ao talento local nas campañas institucionais.

A primeira das mocións, defendida polo voceiro nacionalista Francisco Jorquera, puxo o foco na necesidade de actualizar e desenvolver o Plan de Infraestruturas Verdes do Concello. Jorquera alertou de que “na Coruña hai arredor de 25.000 árbores, unha cifra claramente insuficiente para unha cidade de máis de 250.000 habitantes, segundo os estándares recomendados polas persoas expertas”.

Por iso, o BNG propón aumentar o número de árbores, apostar polas especies autóctonas, erradicar as invasoras e cumprir cos plans de conservación dos espazos naturais das Illas de San Pedro e da Torre de Hércules. A moción tamén insta a crear novos parques urbanos na Agra, no Vixía e en Monte Martelo, e a construír un corredor verde que rodee a cidade, tendo como eixo o río Monelos, co obxectivo de renaturalizar o seu curso e recuperar os seus elementos patrimoniais.

A segunda moción, presentada pola concelleira Mercedes Queixas, procurou poñer en valor a profunda vinculación de Castelao coa Coruña. “En 1912 mesmo deseñou un cartaz para as festas da cidade, hoxe desaparecido”, lembrou Queixas, que destacou a necesidade de celebrar o 2025 como *Ano Castelao* cunha programación cultural ampla e transversal que rescate os fitos históricos que unen ao ilustre galeguista coa cidade.

Por último, a terceira iniciativa, defendida pola edil Avia Veira, centrouse nas campañas institucionais do Concello. O BNG reclama que se conte co talento artístico local para a súa elaboración, garantindo sempre o respecto á autoría e aos dereitos de propiedade intelectual. “Temos un ecosistema creativo moi rico, con profesionais consolidados e novos talentos que deben ser valorados e recoñecidos”, sinalou Veira. Entre as medidas propostas están que se acredite sempre a autoría das obras e que a cesión dos dereitos sexa limitada aos de explotación, sen renunciar á titularidade das creacións.

Con estas propostas, o BNG reafirma o seu compromiso cun modelo de cidade sostible, culta e que aposta pola creatividade local como motor de identidade e progreso.

⚙ Configurar cookies
0.15876507759094