O BNG denuncia que preto de 900 nenos e nenas quedaron sen praza nas escolas infantís públicas da comarca da Coruña

ACoruñaXa
Para o BNG, as listaxes provisionais da matrícula para o curso 2025-2026 “mostran claramente a demanda de prazas públicas na comarca da Coruña”
Mercedes_Queixas
Mercedes Queixas
13 May 2025

As listaxes provisionais da matrícula nas escolas infantís para o curso 2025-2026 indican que na comarca da Coruña (cidade da Coruña, Arteixo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada) hai case 900 nenos e nenas de 0 a 3 anos que fican en agarda para accederen a unha praza nas escolas infantís públicas do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar (case 300 na comarca e case 600 na cidade, se temos en conta as escolas da Axencia Galega de Servizos Sociais).

Isto demostra, segundo o BNG, que existe unha demanda importante de prazas públicas nesta etapa, "que o goberno galego se nega a cubrir". A Xunta de Galicia, sinalan, comunicou no pasado mes de novembro ao Estado que vai devolver 22 millóns de euros procedentes de fondos europeos, correspondentes ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, destinados á creación de prazas en escolas infantís, que permitirían crear até 3.417 novas prazas públicas de educación infantil de 0 a 3 anos.

O goberno galego manifestou en diversas ocasións a súa discrepancia coa distribución destes fondos por non poder utilizalos para outros fins, como obras en escolas xa existentes ou para subvencionar centros privados incorporados ao programa de gratuidade que está vixente en Galiza desde o curso 2022-23. Este sistema de gratuidade do goberno galego, denuncian os nacionalistas, subvenciona con diñeiro público escolas infantís privadas. Na actualidade, das máis de 30.000 prazas dispoñíbeis en Galicia, máis dunha terceira parte pertencen á rede privada (13.552), outra terceira á pública autonómica (10.142) e case un 20 % aos concellos. De acordo coa FEGAMP, a Xunta de Galiza aboa algo máis de 90 euros mensuais por crianza ás escolas infantís municipais, mentres que as escolas infantís privadas reciben do goberno galego 310 euros por alumno ou alumna.

O Bloque Nacionalista Galego rexeita absolutamente que o goberno galego manteña a gratuidade das escolas privadas, e esixe un reforzo do sistema público, a través do financiamento europeo agora rexeitado polo goberno galego ou de fondos propios. As case 900 prazas públicas que se precisan na comarca da Coruña (20 crianzas quedaron en agarda en Arteixo, 45 en Cambre, 8 en Carral, 75 en Culleredo, 143 en Oleiros, 22 en Sada e 583 na cidade da Coruña), demostran que existe unha demanda social de atención pública deste servizo fundamental para a cidadanía.

As deputadas nacionalistas Mercedes Queixas e Iria Taibo rexistrarán iniciativas no Parlamento de Galicia para demandar ao goberno galego que corrixa esta situación na comarca da Coruña. Ademais, a formación nacionalista estudará outras accións nas diferentes localidades, nas que a constatación da escaseza de prazas se suma a demandas históricas do BNG en relación coas escolas infantís.

⚙ Configurar cookies
0.13925290107727