O BNG denuncia en Culleredo a falta de prazas públicas de educación infantil na comarca da Coruña

O Bloque Nacionalista Galego celebrou un acto público diante da Escola Infantil de Fonte da Balsa, en Culleredo, para poñer o foco na "urxencia" de ampliar a oferta de prazas públicas de educación infantil na comarca da Coruña. Segundo denunciaron, case 900 crianzas quedaron en listaxe de agarda tras o primeiro prazo de matrícula, un dato que evidencia —segundo a formación— o "colapso" do sistema público nesta etapa educativa.
Durante o acto, no que interviñeron o portavoz municipal nacionalista en Culleredo, Tono Chouciño, e a deputada no Parlamento Galego Iria Taibo, subliñouse que A Coruña é o concello de toda Galiza con maior número de solicitudes sen praza, pero tamén Oleiros e Culleredo se sitúan entre os dez primeiros. Concretamente, no reparto provisional: 20 crianzas quedaron sen praza en Arteixo, 45 en Cambre, 8 en Carral, 75 en Culleredo, 143 en Oleiros, 22 en Sada e case 600 na cidade da Coruña.
O BNG criticou duramente a decisión do goberno galego de rexeitar 22 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que, segundo os nacionalistas, permitirían crear até 3.471 novas prazas públicas en toda Galiza. “Rejeitáronos por non poder destinalos ao programa de gratuidade co que subvencionan as escolas privadas”, aseguraron, lembrando que actualmente só 10.500 das 32.000 crianzas de 0 a 3 anos escolarizadas en Galiza están en centros públicos.
A formación avogou por reforzar a rede pública, tanto por cuestións de equidade no acceso como polo menor custo que supón para as arcas públicas. Denuncian tamén a opacidade na información dispoñíbel sobre a demanda e distribución destas prazas, que impide planificar con rigor.
No caso concreto de Culleredo, o BNG reclamou de novo o acondicionamento da Escola Infantil da Fonte da Balsa, “que ten baleiro un dos seus andares” e que, segundo apuntaron, “podería acoller novas aulas sen un grande investimento”. Para Chouciño e Taibo, esta sería unha solución inmediata e viable para paliar a falta de prazas no municipio.
O BNG anunciou que vén de rexistrar varias iniciativas no Parlamento galego para esixir máis información sobre a situación na comarca da Coruña e demandar a creación de novas prazas públicas, co obxectivo de adaptar a rede educativa á realidade social e demográfica desta área. “As escolas infantís non só son centros educativos, son tamén unha ferramenta fundamental para a conciliación familiar”, concluíron.