O BNG denuncia a limitación da participación cidadá polo Goberno local de A Coruña

ACoruñaXa
David Soto, concelleiro do BNG, levará esta cuestión ao Pleno do Concello do 10 de abril cunha pregunta oral
Imaxe do concelleiro do BNG, David Soto
10 Apr 2025

O BNG de A Coruña denuncia que o Goberno local está a reducir de forma significativa os mecanismos de participación cidadá no actual mandato. A formación política critica, entre outras medidas, a eliminación dos orzamentos participativos no proceso de elaboración das contas municipais para 2025, a escasa convocatoria dos consellos de participación e o recente anuncio da alcaldesa de reformular o escano cidadán, unha decisión que, segundo o BNG, xera máis dúbidas que certezas.

David Soto, concelleiro do BNG, levará esta cuestión ao Pleno do Concello do 10 de abril cunha pregunta oral na que cuestiona ao Goberno local sobre as intencións na reformulación do escano cidadán: “En que sentido pretende o Goberno Local reformular a figura do escano cidadán?”

Soto expresou o seu temor diante do anuncio da alcaldesa, Inés Rey, de reformular este mecanismo de participación. O BNG sospeita que esta medida poida ser unha nova tentativa de recortar os dereitos de participación da veciñanza. “Acollemos o anuncio feito pola alcaldesa con temor a que se fose producir un novo recorte dos dereitos de participación da veciñanza”, explicou Soto.

O concelleiro do BNG sinalou que, a pesar de que a alcaldesa anunciara a súa intención de manter contactos cos diferentes grupos políticos para a reformulación do escano cidadán, eses contactos non se tiveron lugar. En cambio, segundo Soto, o que ocorreu foi que ás persoas interesadas en participar no escano cidadán se lles pediu que entregasen por anticipado o texto das súas intervencións. “Esta práctica parécenos intolerábel”, afirmou o edil do BNG, criticando a censura previa como incompatíbel coa forma na que a súa formación entende a participación cidadá.

David Soto tamén subliñou que a falta de interese do Goberno local en fomentar a participación cidadá queda patente na escasa convocatoria dos consellos de Cultura, Deporte, Inclusión Social e Saúde. Ademais, os consellos de Lingua e Igualdade, que deberían ter sido constituídos segundo as ordenanzas que regulan esas áreas, aínda non se conformaron. A denuncia do BNG pon de manifesto a súa preocupación polo que consideran un retroceso na participación cidadá e na democratización das decisións municipais.

⚙ Configurar cookies
0.16315007209778