O BNG demanda prohibir o baño por contaminación nas praias de Barrañán e Santa Cruz

ACoruñaXa
O grupo nacionalista anunciou que levará ao Parlamento galego a situación da calidade das augas nestes areais
Imaxe da praia de Barrañán en Arteixo
11 Jun 2025

O Bloque Nacionalista Galego anunciou que levará ao Parlamento galego a situación da calidade das augas nas praias da ría de Barrañán (Arteixo) e do Porto de Santa Cruz (Oleiros), despois de que ambas volvesen aparecer na listaxe de zonas non recomendadas para o baño publicada polo Rexistro de Augas de Baño de Galiza.

A deputada nacionalista Iria Taibo será a encargada de interpelar ao Goberno galego sobre a orixe destas contaminacións recorrentes e as medidas previstas para poñerlles solución. Desde o BNG lembran que "o goberno galego é o responsábel da calidade da auga", e que é a Consellaría de Sanidade a que realiza os controis periódicos da calidade nas zonas de baño co obxectivo de garantir a saúde pública e evitar riscos de contaminación bacteriana. Por iso, consideran que "é imprescindíbel e urxente que se estuden tanto a causa como as posíbeis medidas correctoras, especialmente agora que a tempada de praia está a piques de comezar".

No caso da praia de Barrañán, diversos colectivos ecoloxistas levan anos denunciando verteduras ao río Sisalde, que poderían estar detrás da mala calidade da auga nesta zona costeira, moi frecuentada pola veciñanza e por persoas afeccionadas ao surf. Pola súa banda, en Santa Cruz, o tanque de tormentas instalado en 2018 tampouco estaría a resolver a situación, xa que a praia volve a figurar na listaxe de augas contaminadas. O BNG cualifica de "curioso" que o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galiza) se atope precisamente xunto a esta praia afectada.

A formación nacionalista tamén reclamará que se sinalice correctamente, e de xeito claramente visíbel, a prohibición de baño mentres persista o problema. Alertan de que moitas persoas, tanto residentes como turistas, descoñecen que estas augas non son aptas para o baño, o que supón un risco innecesario.

Desde o BNG insisten en que é urxente que o executivo galego actúe con responsabilidade: “tanto no que ten que ver coa seguridade das persoas que a utilizan como desde o punto de vista económico, para non prexudicar a actividade turística”.

⚙ Configurar cookies
0.17026305198669