O BNG demanda ao Estado unha conexión ferroviaria para o CLT de Culleredo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou ao Ministerio de Transportes a realización de estudos técnicos e económicos que avaliaren a viabilidade de estender a rede ferroviaria desde o porto de Lagostreiras ata o Centro Loxístico de Transportes (CLT) de Culleredo. O obxectivo é mellorar as conexións deste centro e dar resposta ás necesidades de transporte da comarca.
A proposta foi acompañada polo apoio de representantes municipais do BNG, entre eles os concelleiros Tono Chouciño, Laura Raposo Vigo e Beatriz Pérez Mosquera, así como de José María Cabanelas Gómez, Presidente da Asociación de Empresarios do CLT de Culleredo.
Rego explicou que a infraestrutura de Ledoño foi concibida como un “nodo fundamental da loxística na área metropolitana da Coruña, pero carece das conexións de transporte necesarias para cumprir ese papel”. Neste sentido, o deputado nacionalista sinalou que a conexión ferroviaria directa co porto de Lagostreiras, e a creación dunha estación intermodal, permitiría integrar plenamente o CLT nas redes de transporte tanto estatais como europeas. “Convertir este centro nun motor de desenvolvemento económico para toda a comarca”, asegurou.
O BNG lembrou que as instalacións de Ledoño levan anos infrautilizadas, sendo unha infraestrutura estratéxica pendente de activación. Rego enfatizou que é esencial apostar polo ferrocarril como vía de comunicación de mercadorías para fomentar a intermodalidade e reducir a dependencia do transporte por estrada. "Non se pode entender un centro loxístico moderno sen unha conexión ferroviaria eficiente", afirmou.
A súa proposta, segundo explicou, busca non só mellorar a competitividade económica da comarca, senón tamén fomentar a sustentabilidade. "Nun contexto no que cómpre avanzar cara a un modelo de mobilidade máis sustentábel, o transporte ferroviario xoga un papel chave. Apostar polo ferrocarril para o transporte de mercadorías significa tamén apostar pola redución de emisións contaminantes e pola diminución do tráfico pesado nas estradas", destacou Rego.
O deputado do BNG tamén lamentou o esquecemento institucional por parte do Goberno do Estado e da Xunta de Galicia, que, segundo el, levan anos ignorando as necesidades da comarca en termos de infraestruturas loxísticas. "A falta dunha política decidida en materia de transporte está a frear o potencial económico dunha das principais áreas industriais e comerciais do País", denunciou.
Finalmente, Rego pediu que se inicien os estudos de viabilidade para que, dunha vez por todas, se dea un paso adiante na mellora das infraestruturas loxísticas. "Exiximos, por tanto, que se realicen xa os estudos de viabilidade para que, dunha vez por todas, se dean os pasos concretos para dotar o CLT de Culleredo dunha conexión ferroviaria eficiente e dunha estación intermodal moderna", concluiu.