O BNG defende unha década de “políticas transformadoras” na Deputación da Coruña

O grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego fixo un balance do actual mandato no goberno da Deputación da Coruña, no que levan dous anos, sumando xa unha década de presenza continuada na institución. Durante un almorzo informativo no Club Cámara, os seis deputados e deputadas nacionalistas puxeron en valor un modelo de xestión “responsable, transformador e con impacto transversal”, que vai máis aló das súas áreas directas de competencia.
A portavoz, Avia Veira, abriu a súa intervención resumindo o papel do BNG na institución: “O BNG da Deputación da Coruña lidera o cambio na provincia”, asegurou, apostando por “un modelo de administración responsable e políticas transformadoras que son unha alternativa real de goberno á Xunta”.
Veira salientou que, ao longo destes dous últimos anos, continuaron desenvolvendo políticas “no local e no global, transversais, con impacto máis aló das áreas nas que gobernamos: cultura, plans provinciais, turismo, igualdade, lingua e dereitos civís e patrimonio e contratación”.
Segundo a deputada, o BNG aplica un enfoque que “sitúa a vida no centro, cun enfoque feminista, ecoloxista, social, e por suposto nacionalista”. E reivindicou: “Son dous anos máis de xestión nacionalista transformando a provincia da Coruña: en total, dez anos no goberno da Deputación, dez anos de estabilidade institucional e xestión responsable, consolidando un modelo de cogoberno eficaz”.
Veira destacou tamén os resultados obtidos: “Lideramos o cambio na provincia da Coruña: 13 alcaldías e varios cogobernos que demostran a nosa capacidade de diálogo e consenso; confianza cidadá crecente; modelo de goberno que se replica en concellos e Deputación; estabilidade, eficacia e proximidade como sinais de identidade”.
A portavoz do grupo provincial tamén aproveitou para facer unha declaración política: “Porque somos un modelo de goberno responsable en todas as circunstancias: maioría, cogobernos e minoría. Porque demostramos na práctica a nosa capacidade de goberno, desde o local ao autonómico. Porque contamos con equipos preparados con gran experiencia na xestión. Porque promovemos un modelo de políticas públicas testado e que funciona. E porque temos a capacidade máis que demostrada de xestionar recursos e consensos”. E concluíu: “Construímos na Deputación unha sorte de ‘Xunta’ que replicaremos en todo o país cando academos o goberno autonómico: o que vedes nas vosas deputacións e concellos iso teredes na Xunta”.
Un modelo transversal e centrado na cidadanía
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, puxo o foco nas achegas concretas do BNG nas áreas que lidera. Subliñou que promoven “políticas transformadoras cun gran impacto na sociedade, nos concellos, no tecido asociativo e nos sectores implicados nas áreas que xestionamos, caso do agroalimentario, o cultural, o empresarial e o social”.
Destacou, por exemplo, a modernización na área de contratación, habitualmente vista como “burocrática”, onde introduciron reformas con impacto na “transparencia, accesibilidade, axilidade e eficiencia”. E engadiu: “Somos unha administración pioneira na posta en marcha de políticas de igualdade, normalización lingüística e de dereitos civís; cuestións transversais que aplicamos en todas as políticas que desenvolvemos”.
Regueira puxo como exemplos desa visión transversal a Rede Cultural, o Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia ou as Residencias Artísticas Mariñán. “Programas nosos que entenden a cultura como ferramenta de transformación social”, explicou. Tamén destacou campañas como A paisaxe que sabe ou os Plans de Sostibilidade Turística en Destino como propostas que “apostan pola identidade”.
Sobre o apoio aos concellos, lembrou que o Plan Único da Deputación é unha “auténtica revolución na relación cos concellos: autonomía e reparto de fondos con criterios obxectivos e transparentes”. E reivindicou: “Facémolo sempre da man dos concellos, escoitando as súas demandas e ofrecendo axuda e apoio, sexa cal sexa a súa cor política”.
Rematou sinalando que a comunicación constante coa sociedade é outro dos piares do seu modelo: “Establecemos canles de comunicación constante tanto cos sectores cos que traballamos nas nosas áreas (empresarial, agroalimentario, cultural), coma co tecido asociativo local, concellos e veciñanza”.
Como peche, Regueira resumiu os principios que guían a súa xestión: “transparencia na contratación, eficiencia na xestión e na administración cotiá, coordinación co resto das administracións e colaboración constante con todos os concellos, sen excepción”.