O BNG afirma na Coruña o seu compromiso coa sanidade pública
O BNG organizou este sábado, no Centro Cívico da Cidade Vella, un Encontro Público entorno a unha Sanidade Pública Galega e de Calidade, coa participación de María Seijo, presidenta da Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Coruña; e de Iria Carreira e Mercedes Queixas, números 6 e 2 da candidatura do BNG ao Parlamento galego pola Coruña.
Na súa intervención, a número 6 da lista, Mercedes Queixas, situou o BNG como “garantía de defensa da sanidade pública fronte ás políticas de desmantelamento e privatización que constitúen o legado que nos deixan 14 anos de goberno ininterrompidos do PP á fronte da Xunta de Galiza”.
Mentres que a Iria Carreira, agradeceu as achegas que durante a súa experiencia parlamentar recibiu de “persoas que teñen un grande coñecemento da realidade sanitaria”. “Desde o BNG mantivemos e mantemos un contacto permanente con usuarias, colectivos ou plataformas como SOS Sanidade Pública”, referiu.
Tamén, a número 2 da listaxe nacionalista aproveitou para referirse ao balance da xestión sanitaria do PP en relación á cidade da Coruña e da súa comarca como algo "absolutamente desolador”. Detallando distintos aspectos que o ilustran, como: “O abandono xeneralizado da atención primaria e do centro de especialidades do Ventorrillo, os retrasos no seguimento de pacientes operadas de cancro de mama no Abente y Lago, a falta de asistencia de doentes xordos -pese a haber acordos parlamentares unánimes para que se lles prestasen os necesarios coidados-, o colapso do CHUAC en parte provocado polo abandono da atención primaria, a dotación de TCAEs e de celadores/as no Abente y Lago como materia pendente”.
Ambas aproveitaron para incidir en que fronte á sistemática crítica exercida polo BNG desde o Parlamento galego, o PP só ofreceu como respostas “evasivas”, “incumprimentos” e “mentiras para negar o evidente”. Xunto á dificultade cada vez maior á hora de conseguir unha cita coa médica de familia, o esgotamento das e dos profesionais e “a cantidade de clínicas privadas que abren nos nosos barrios”.
Dende o BNG ven necesaria unha mudanza radical nestas políticas e a posta en andamento doutras que tornen prioritario o reforzamento da sanidade pública universal e de calidade. “O goberno do cambio galego que vai liderar Ana Pontón comprométese desde logo con esa tarefa”, salientou Queixas.
Nesa dirección, o partido nacionalista, presidido por Ana Pontón, destinará 25% do orzamento sanitario a fortalecer a atención primaria e incorporará ao SERGAS novos profesionais en ámbitos como a fisioterapia, a psicoloxía, a podoloxía ou a nutrición, tal e como avanzou Queixas no encontro deste sábado na Coruña.