O BNG de Paderne insta á Deputación a mellorar o tramo Paderne-Areas da DP-0905

ACoruñaXa
O grupo nacionalista alerta das velocidades excesivas en varios puntos da estrada e da ausencia de itinerarios peonís
bng-paderne
2 Jun 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda que o Pleno reclame melloras urxentes na estrada DP-0905, cuxa titularidade é da Deputación da Coruña. Sinalan especialmente no tramo que conecta o núcleo de Paderne co núcleo de Areas, pasando pola parroquia de Quintas.

Segundo traslada o portavoz nacionalista Manel Pérez, esta vía “presenta graves deficiencias en materia de seguridade viaria”, tanto para os peóns como para as usuarias do transporte escolar. “O tramo carece de beirarrúas ou calquera infraestrutura que permita o tránsito peonil seguro, malia ser utilizado a diario pola veciñanza, incluídas persoas maiores e menores que acceden ás paradas de autobús”, sinalou o portavoz.

Ademais da ausencia de itinerarios peonís, o partido nacionalista alerta das velocidades excesivas en varios puntos da estrada, que atravesa núcleos de poboación sen suficientes medidas de calmado de tráfico. Tamén fan fincapé na perigosidade do cruzamento coa estrada DP-6401, que dá acceso ao núcleo de Loibo, debido á escasa visibilidade.

Por todo isto, o BNG insta á Deputación a tomar medidas enfocadas á aumentar a seguridade nesta vía, como a creación dun itinerario peonil seguro entre Paderne e Areas; a instalación de lombos, bandas sonoras e pasos de peóns nos núcleos atravesados pola estrada provincial e a mellora da seguridade no cruzamento coa DP-6401 mediante reorganización do entronque, mellora da sinalización e posibles modificacións do trazado.

A formación nacionalista insiste en que estas medidas son fundamentais para garantir unha mobilidade segura e sustentábel para a veciñanza de Paderne. “Non se pode seguir permitindo que unha vía tan utilizada estea nas condicións actuais, poñendo en risco a seguridade das persoas día tras día”, conclúe Pérez.

 

⚙ Configurar cookies
0.17034101486206