O BNG de Oza-Cesuras reclama reparacións urxentes na escola infantil tras os danos polo temporal

O BNG de Oza-Cesuras presentou unha moción na que solicitou os arranxos e reparacións necesarias na Escola Infantil por mor do temporal. “Durante a noite do domingo 27 de xaneiro e debido ao temporal voou parte da cuberta da escola infantil A Galiña Azul de Oza-Cesuras. As educadoras tiveron coñecemento destes feitos á mañá seguinte, cando chegaron para abrir o centro. Segundo elas mesmas relatan, alí había operarios do concello, que retiraron parte da cuberta e informaron de que unha das aulas non podería estar operativa”, explicou a concelleira nacionalista, Estefanía Busto.
“Durante o luns 28 e o martes 29 operarios do Concello e do consorcio realizaron inspeccións e algunhas reparacións, malia continuar a alerta meteorolóxica e colocaron unha lona como cuberta para evitar que entrase auga na aula, que xa estaba deteriorada e con pingueiras. Esta aula quedou inutilizada e as educadoras tiveron que xuntar dous grupos nunha mesma aula, polo que se pode sobrepasar a ratio legal”, expuxo a concelleira nacionalista.
”Aínda nestas circunstancias, cunha lona como cuberta e deficiencias anteriores, desde os servizos centrais do Consorcio aseguráronlles ás educadoras que podían empregar a aula con total normalidade. Mais o persoal reclama unha autorización por escrito para poder garantir a seguridade”, informou a portavoz municipal.
Busto denunciou que a escola infantil xa presentaba deficiencias previas e que tanto o Concello como o consorcio eran coñecedores da situación. Ademais de esixir a reparación inmediata das instalacións, o BNG solicita que a concelleira de Educación atenda á convocatoria do Consello Escolar extraordinario, solicitado o pasado 28 de xaneiro.