O BNG de Oza-Cesuras reclama explicacións pola paralización das obras de seguridade viaria na AC-84

O BNG de Oza-Cesuras vén de denunciar a inacción da Xunta de Galicia ante o retraso da obra de mellora de seguridade viaria na estrada AC-840, á altura da ponte da vía do tren, no centro de Oza dos Ríos. A actuación, segundo indican, contratada hai máis dun ano polo Goberno galego, continúa sen executarse, malia ser unha demanda histórica da veciñanza.
“Imos pedir no Parlamento que se axilice a execución desta obra que xa debía, segundo os anuncios da propia Xunta, estar rematada, así como que se faga pública toda a información sobre as causas desta demora”, afirmou Estefanía Busto, concelleira do BNG de Oza-Cesuras. Busto lembrou que a obra leva máis dun ano adxudicada “e nin sequera comezou”.
O BNG trasladará esta preocupación ao Parlamento de Galicia da man da deputada Mercedes Queixas, cunha iniciativa que reclamará transparencia e axilidade para unha actuación que consideran “imprescindíbel para garantir a seguridade peonil no centro de Oza dos Ríos, nunha estrada moi transitada”.
A formación tamén puxo o foco noutros puntos perigosos da AC-840 ao seu paso polo municipio. “Esta estrada ten varios puntos moi perigosos no noso concello, ademais deste no centro de Oza dos Ríos, como en Trasanquelos, onde reclamamos durante anos á Xunta melloras para garantir a seguridade da veciñanza”, apuntou Busto.
O BNG de Oza-Cesuras tamén levará o tema ao Congreso dos Deputados a través do seu representante, Néstor Rego, para solicitar información sobre a tramitación do informe e autorización de ADIF, un paso clave para o avance da obra. “Non sabemos se hai ou non autorización de ADIF para esta obra, nin se emitiu algún informe nin en que termos, por iso imos esixir que se informe á veciñanza que ten que circular a diario por este punto en que situación se encontra esta actuación”, explicou a concelleira.
Desde o BNG lembran que levan anos reclamando melloras de seguridade viaria neste treito, tanto diante da Xunta como do Ministerio, e advirten que non cesarán ata que esta obra necesaria sexa unha realidade.