O BNG de Oza-Cesuras impugna a convocatoria dun pleno extraordinario por considerar que non se cumpriu o procedemento legal

O BNG de Oza-Cesuras presentou un recurso de reposición para impugnar a convocatoria do pleno extraordinario previsto para mañá. Segundo explica a portavoz nacionalista, Estefanía Busto, a inclusión da aprobación inicial do orzamento de 2025 na orde do día fíxose sen o ditame previo da Comisión Informativa, un trámite obrigatorio antes de levar calquera asunto ao pleno.
Busto considera que este feito reflicte un xeito de proceder que, ao seu xuízo, resta garantías ao funcionamento municipal. Lembra que, nos últimos meses, a oposición vén advertindo sobre cambios nas datas dos plenos e sobre o aumento das convocatorias extraordinarias, así como sobre outras situacións nas que, segundo o BNG, non se tivo en conta o criterio dos órganos de fiscalización.
A portavoz lembra tamén que no último pleno ordinario non foi posible debater unha moción presentada polo grupo nacionalista ao non prosperar a urxencia da súa inclusión. A proposta, indica, buscaba mellorar a transparencia e o acceso á información municipal.
Ante o que consideran unha vulneración dos mecanismos de control institucional, o BNG anuncia que volverá trasladar o caso á Valedoría do Pobo coa intención de solicitar amparo e garantir o respecto aos dereitos da oposición e á veciñanza que representa. Busto subliña que o seu grupo seguirá empregando todas as vías legais para reclamar un funcionamento municipal máis garantista.