O BNG de Oza-Cesuras denuncia a “obstrución democrática” do alcalde do PP

ACoruñaXa
O grupo nacionalista anunciou que presentará unha queixa formal ante a Valedoría do Pobo
Estefanía Busto do BNG de Oza-Cesuras
5 Mar 2025

O BNG de Oza-Cesuras traslada e denuncia que o alcalde do PP continúa “saltándose as mínimas formas democráticas” ao recorrer de maneira sistemática ás convocatorias extraordinarias, impedindo así o labor da oposición. Así o indica a concelleira nacionalista, Estefanía Busto.

“Mentres recorren a plenos extraordinarios, deixan de convocar ou convocan fóra de prazo os plenos ordinarios, modificando os días e as datas que o propio pleno acordou, onde o PP ten maioría absoluta”, explicou a concelleira do BNG, quen tachou esta práctica de “habitual e intencionada”. Segundo sinalou Busto, os plenos ordinarios son a única ferramenta da que dispón a oposición para fiscalizar o traballo do goberno e presentar propostas en nome da veciñanza.

“Nesta ocasión convocáronnos a un pleno extraordinario para hoxe, cando por acordo deberiamos ter un ordinario o pasado venres 28 de febreiro”, denunciou a concelleira nacionalista. “Neste pleno traen a amortización de tres prazas de traballadoras municipais: educadora familiar, asistenta de axuda no fogar e limpadora. Hai só dous meses que se aprobou o orzamento de 2024, cun ano de retraso e tendo un goberno con maioría absoluta, e agora pretenden prescindir destas empregadas sen xustificar a urxencia nin a necesidade de amortizar estas prazas”, concluíu Busto.

Queixa ante a Valedoría do Pobo

Ante a reiterada obstrución do goberno do PP e a limitación dos dereitos da oposición, o BNG anunciou que presentará unha queixa formal ante a Valedoría do Pobo. As nacionalistas consideran que esta situación supón “unha falta de respecto aos valores democráticos dunha institución como é o Concello de Oza-Cesuras, onde a veciñanza tamén está representada en forzas como o BNG”. Por este motivo, cualifican de “autoritaria” a acción de goberno dos populares.

“Acudiremos unha vez máis á Valedoría do Pobo, como xa fixemos no ano 2014 e 2021, para denunciar a situación e buscar amparo ante uns feitos que consideramos graves”, explicou Busto. A concelleira lembrou que “primeiro impedían que se votasen as nosas mocións, como cando propuxemos retirar as honras públicas a Julián Lucas, alcalde condenado por estafa. Agora, directamente, nin sequera podemos rexistralas porque os plenos, por norma, son extraordinarios”.

⚙ Configurar cookies
0.11285710334778