O BNG de Oza-Cesuras critica o PXOM por estar "fóra da realidade"

ACoruñaXa
O grupo nacionalista denuncia que o proxecto non realiza ningunha proxección demográfica para os próximos 20 anos
Estefanía Busto do BNG de Oza-Cesuras
11 Mar 2025

O BNG de Oza-Cesuras considera que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que o Goberno municipal levará a aprobación inicial está totalmente "fóra da realidade" e non se adapta á evolución do concello nas últimas décadas. Para a voceira nacionalista, Estefanía Busto, este PXOM demostra que o executivo do PP "vive nunha realidade paralela" e "tira por terra" o discurso sobre os supostos beneficios da fusión dos concellos.

As nacionalistas denuncian que o proxecto non realiza ningunha proxección demográfica para os próximos 20 anos, limitándose a afirmar que a dotación de vivendas non supón un problema debido á baixa presión demográfica. "Esta afirmación contradíse coa previsión de vivenda nova, que suporía un aumento do 70 % respecto á actual", sinala Busto. Segundo os cálculos do BNG, as novas vivendas proxectadas poderían dar cabida a máis de 4.700 persoas, o que representa o 95 % da poboación actual de Oza-Cesuras. "É utópico propoñer semellante número de novas vivendas cando xa hai moitas baleiras ou destinadas a segunda residencia", criticou.

A formación nacionalista tamén considera que a bolsa de solo prevista no núcleo urbano de Oza é "desproporcionada" para a actual dinámica poboacional, favorecendo grandes operacións urbanísticas en lugar da autopromoción de vivenda. "Este modelo podería revivir as vellas pantasmas da especulación urbanística", advertiu Busto.

⚙ Configurar cookies
0.16141891479492