O BNG de Oza-Cesuras critica a decisión de amortizar sete prazas vacantes en servizos básicos municipais

O Bloque Nacionalista Galego de Oza-Cesuras expresou a súa oposición á recente decisión do Goberno local do PP de eliminar sete prazas vacantes na Relación de Postos de Traballo do Concello, unha medida que afecta servizos fundamentais como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), limpeza e educadora familiar. Segundo traslada o grupo nacionalista, esta aprobación contou exclusivamente cos votos do PP, a pesar de que se presentaron 84 alegacións durante o período de exposición pública, entre elas as do propio BNG.
A portavoz nacionalista, Estefanía Busto, cualificou a decisión como “incomprensíbel”, censurando que o PP elixise “a vía rápida, suprimindo prazas sen tan sequera valorar a posibilidade de adaptar ou reconverter algunha delas para reforzar outros servizos municipais”. Engadiu que “ademais, o goberno municipal non garante que todos os servizos afectados continuarán a prestarse”.
Busto destacou que a eliminación da praza de educadora familiar é especialmente preocupante, dado que o servizo funcionaba de xeito efectivo, evidenciado polo recente despido improcedente da profesional, polo que “a súa supresión carece de sentido e prexudica un servizo clave para familias en situación vulnerable”.
Respecto ás prazas relacionadas coa axuda no fogar e limpeza, o BNG sinala que, aínda que os servizos están externalizados e as prazas permanecían vacantes, amortizalas agora supón un “erro estratéxico”. A portavoz explicou que esta decisión “limita a posibilidade de recuperar no futuro unha xestión directa, que podería ser máis eficiente e máis beneficiosa para a veciñanza”.
Ademais, as alegacións presentadas polo BNG alertaban sobre o impacto social e económico destas amortizacións e criticaban a ausencia dunha análise económica clara que avalase o suposto aforro que se pretende conseguir.
Por iso, o Bloque instou ao goberno municipal a desistir desta proposta, a buscar alternativas que garantan a continuidade e mellora dos servizos públicos, así como a incluír estas prazas nas próximas ofertas de emprego público, xa sexa para manter os actuais servizos ou para reforzar outros.
“Non podemos permitir que se desmantele a estrutura municipal mentres os servizos se resinten e a veciñanza máis vulnerable fica desatendida”, concluíu Estefanía Busto.