O BNG de Oza-Cesuras arranca o compromiso de mellorar a seguridade viaria no Castiñeiro

O BNG de Oza-Cesuras conseguiu o respaldo do pleno municipal á súa moción para reforzar a seguridade viaria no núcleo do Castiñeiro, concretamente na estrada AC-840 ao seu paso pola zona. A portavoz nacionalista, Estefanía Busto, lembrou que se trata dunha vía con moito tránsito e con diferentes puntos nos que se ve comprometida a seguridade tanto de vehículos como de peóns.
Busto puxo o foco nun tramo especialmente delicado: o cruzamento da AC-840 coa estrada provincial CP-0160 e coa vía que conduce á estación, coñecido popularmente como Cruce do París. Trátase dun punto moi concorrido por conductores e viandantes, xa que é paso habitual para acceder ao centro de saúde.
Na iniciativa aprobada, o BNG advertía de que a visibilidade para incorporarse á AC-840 desde ambas estradas é, en numerosas ocasións, practicamente inexistente, o que obriga a realizar manobras de risco. Segundo recolle o texto, no último ano producíronse varios sinistros nese treito.
'Hai motivos máis que suficientes para actuar, por iso reclamamos do Concello que acometa as melloras necesarias na estrada da súa titularidade, especialmente no cruzamento, co fin de garantir a seguridade viaria no núcleo do Castiñeiro', subliñou a voceira nacionalista. Ao mesmo tempo, o grupo pide que se solicite á Xunta de Galiza a súa implicación para executar as actuacións precisas na AC-840.