O BNG de Ordes pide no último pleno revisar a ordenanza dos vaos e mellorar as infraestruturas

No último pleno ordinario de xuño do Concello de Ordes, o BNG presentou varias propostas relacionadas coa ordenanza fiscal dos vaos e a situación das infraestruturas locais. O portavoz do BNG, Pablo Vidal, criticou a recente comunicación municipal que advertía á veciñanza sobre a obrigatoriedade de obter licenza para o acceso de vehículos que atravesen beirarrúas ou bens públicos, así como a posibilidade de sancións en caso de incumprimento.
“Antes de enviar comunicacións á veciñanza, ameazando ademais con impor sancións se non se paga, deberase manter un debate sobre a necesidade de revisar o contido da ordenanza fiscal nº 11, reguladora da taxa por entrada de vehículos e vaos permanentes, avaliando os distintos casos que se presentan no noso concello”, explicou Vidal. O BNG solicitou ao alcalde que impulse “unha revisión e modificación da ordenanza fiscal, que contemple as distintas casuísticas existentes no noso concello, establecendo as taxas ou excepcións que se consideren oportunas”. Ademais, pediu que se conceda “unha moratoria sobre o prazo dun mes establecido na misiva do alcalde enviada á veciñanza, ata que se proceda coa revisión da citada ordenanza”.
Outro dos temas abordados polos nacionalistas refírese á seguridade nas beirarrúas do acceso ao tanatorio municipal. Pablo Vidal destacou a existencia “de tramos nos que presentan unha diferenza de cota importante, o que supón un risco considerable de caída cara fincas lindeiras”. Tras revisar o proxecto, Vidal sinalou que “non se prevé no mesmo a dotación de varandas para protexer a caída nestas zonas”, polo que demandan ao alcalde que “corrixa esta deficiencia, dispoñendo as varandas precisas”.
No ámbito das infraestruturas, o concelleiro do BNG Avelino Candal chamou a atención sobre o “deterioro que presentan a pista que une o núcleo da Brea co fondo do núcleo da Piolla bordeando a Adina, e mais a pista de acceso ao colexio do Mesón do Vento”. Do mesmo xeito, Pablo Vidal denunciou o “estado lamentable no que se atopa a pista de acceso ao Punto Limpo”. O BNG reclamou ao goberno local “o arranxo das citadas pistas”, sinalando que forman parte “do longo listado de casos de falta de mantemento que temos denunciado nos plenos”. Segundo os nacionalistas, esta situación “deriva da nefasta política de conservación aplicada polo goberno municipal ao longo destes 10 anos”.
Vidal tamén lembrou que no pleno de febreiro “o alcalde gabábase de que a liquidación dos orzamentos municipais do ano 2024 resultaban nun superávit de 1,81 millóns de euros”, concluíndo que “temos un alcalde que presume de ter aforrados cartos nos bancos, mais dito aforro resulta de deixar sen atender necesidades da veciñanza, como pode ser a dotación de servizos públicos básicos, investimentos en servizos sociais, cultura, mantemento da rede viaria...”.
Finalmente, o BNG interesouse por varios asuntos máis, entre os que destacan: A reposición dun sinal de STOP no núcleo da Agrela (Parada); a limpeza de gabias e tubaxes no núcleo do Carballo (Pereira), para evitar entullos que xeran perigo na pista; a instalación dun taboleiro informativo en Montaos; e o funcionamento dos servizos sociais, solicitando datos sobre listas de agarda, persoas atendidas e tempo medio de espera.
Estas peticións forman parte do labor do BNG para mellorar as condicións de vida e a seguridade dos veciños e veciñas de Ordes.