O BNG de Ordes pide engadir vías de servizo ao proxecto da rolda sur-oeste

ACoruñaXa
Os nacionalistas presentan alegacións á futura circunvalación de Ordes para reclamar accesos ás fincas afectadas por unha actuación chamada a unir a N-550 coa AC-413 e a desviar tráfico pesado do centro
ORDES vias de servicio
10 Mar 2026

O BNG de Ordes vén de presentar alegacións ao proxecto de trazado da rolda sur-oeste co obxectivo de que a futura infraestrutura incorpore vías de servizo nos dous lados da estrada. A formación sostén que a proposta actualmente en exposición pública non resolve de maneira suficiente os accesos ás parcelas afectadas polas expropiacións e pola propia execución da nova vía.

Segundo trasladou o portavoz nacionalista, Pablo Vidal, a petición nace tras analizar o proxecto e manter reunións con veciñanza afectada. O Bloque considera que a solución prevista queda curta, xa que entende que a nova rolda pode fragmentar fincas e dificultar o acceso a terreos que ata agora se comunicaban a través de servidumes de paso. Por iso, reclama que se revisen tanto a superficie das expropiacións como o orzamento da obra para incorporar esas conexións complementarias.

A actuación promovida pola Xunta busca crear unha nova circunvalación de arredor de 2 quilómetros entre a N-550 e a AC-413 para retirar parte do tráfico de paso do núcleo urbano de Ordes. O proxecto, que se atopa en trámite de información pública desde o 9 de febreiro, inclúe tamén unha senda peonil e ciclista e pretende mellorar os accesos a puntos como o IES Maruxa Mallo, o tanatorio ou o punto limpo.

Coas súas alegacións, o BNG tenta que a futura rolda non se limite a canalizar o tráfico, senón que dea resposta tamén ás necesidades das persoas propietarias afectadas polo trazado. O debate queda agora aberto no marco da tramitación pública dun dos proxectos viarios chamados a redefinir a mobilidade no municipio.

0.11797308921814