O BNG de Ordes expón melloras urxentes na N-550 apoiadas por máis de 500 sinaturas veciñais

O Bloque Nacionalista de Ordes de Ordes vén de rexistrar no Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable un conxunto de demandas para mellorar a seguridade e o estado da estrada N-550 ao seu paso polo municipio. Estas peticións están avaladas por máis de medio milleiro de sinaturas recollidas entre a veciñanza das parroquias de Ardemil, Pereira e Montaos, e foron trasladadas ao deputado nacionalista Néstor Rego, con quen prevén manter unha reunión no propio territorio para abordar a situación de primeira man.
Entre as actuacións solicitadas para Ardemil, destacan a apertura das vías de servizo pendentes en puntos como O Canedo, A Piolla e Axás. Desde o BNG explican que a carencia destas vías reduce a seguridade viaria, dificulta o acceso ás parcelas e limita o seu desenvolvemento urbanístico.
Tamén en Ardemil, os nacionalistas reclaman a construción dun paso subterráneo entre os núcleos de Moscoso e A Reboira, que permitiría unha mellor conexión veciñal e facilitaría un cambio de sentido nun tramo de alta intensidade de tráfico. Así mesmo, solicitan unha revisión dos límites de velocidade na contorna de vivendas próximas á estrada, especialmente en Axás, para garantir unha maior seguridade.
No caso da parroquia de Pereira, o BNG pide unha mellora no acceso dende a N-550, debido á escasa visibilidade do punto actual. Propoñen crear unha cuña de incorporación na zona xa expropiada e estudan outras posibles solucións como a instalación dunha rotonda ou un carril central para xiros á esquerda.
Na parroquia de Montaos, as demandas céntranse nos problemas recorrentes derivados das augas pluviais no núcleo da Igrexa, que provocan estancamentos e acumulacións de auga. O BNG tamén reclama a colocación de elementos de protección para evitar caídas desde a vía de servizo á gabia existente, mellorando así a seguridade viaria.
Ademais das melloras puntuais en cada parroquia, o BNG traslada ao Ministerio o mal estado xeral do firme da N-550 en todo o termo municipal, pedindo unha actuación urxente de pavimentación para garantir unhas condicións mínimas de seguridade e confort na circulación.
Con esta iniciativa, o BNG de Ordes busca dar voz ás preocupacións da veciñanza e presionar ás administracións competentes para que acometan unhas melloras que consideran imprescindibles para a seguridade e o benestar da poboación.