O BNG de Ordes denuncia no Pleno “un modelo de xestión cada vez máis irregular”

ACoruñaXa
O grupo nacionalista abordou o atraso na posta en funcionamento da rede de saneamento en Altiboia, Castiñeira e Gouzón
Imaxe da Casa do Concello de Ordes
1 Aug 2025

O grupo municipal do BNG en Ordes volveu cargar contra o Goberno local do PP durante o último pleno, no que se debateu a conta xeral de 2024. O portavoz nacionalista, Pablo Vidal, alertou da existencia de “ata 8 contratos por prestación de servizos vencidos”, o que cualificou de “irregular e non conforme co establecido na lei de contratos do sector público”.

Segundo indicou Vidal, esta situación derivou en que o interventor municipal tivese que formular reparos no pagamento de 219 facturas durante o ano 2024, por un importe total de 1.583.025,31 euros. Un volume que, tal e como subliñou, “triplica a situación do ano 2022, onde recibiran reparos por parte da intervención municipal 80 facturas, cun valor conxunto de 464.113,42 euros”.

Ante estes datos, o BNG votou en contra da aprobación da conta xeral por considerar que deriva “dun modelo de xestión propio do PP de Ordes, que cada ano vira a ser máis irregular”.

Parcelarias paralizadas desde hai máis de tres décadas

O grupo nacionalista tamén aproveitou o pleno para criticar a falta de avances nas concentracións parcelarias no municipio, comparando a situación coa do concello veciño de Oroso, onde recentemente se fixo entrega dos títulos correspondentes ao proceso dos Ánxeles-Calvente-Pasarelos-Marzoa II.

“No caso de Ordes aínda existen catro procesos de concentración parcelaria sen rematar, cuxa duración supera xa os 34 anos, en concreto Mercurín-Lesta II, Parada II, San Paio de Buscás II e Vilamaior-Barbeiros II”, lembrou Vidal.

Desde o BNG aseguran que “presentamos ao longo destes anos diversas iniciativas preocupándonos sobre a situación dos citados procesos de concentración parcelaria, recibindo unicamente escusas por parte do PP, mais son escusas que logo de tantos anos, carecen totalmente de fundamento, acollida e comprensión por parte da veciñanza”.

Por iso, instan ao alcalde a demandar á Consellería do Medio Rural “a que leve a cabo de maneira urxente os trámites que faltan para o remate das concentracións parcelarias pendentes en Ordes, e actuar para coordinar co catastro as parcelas resultantes dos procesos de Mercurín-Lesta II e Parada II”.

Rede de saneamento sen activar e críticas á inacción

Outro dos asuntos abordados foi o atraso na posta en funcionamento da rede de saneamento nos núcleos da Altiboia, Castiñeira e Gouzón. “A veciñanza da zona non pode conectarse á rede municipal de saneamento cuxa execución foi adxudicada en novembro do ano 2022”, denunciou Vidal, apuntando que, segundo información da propia empresa concesionaria, o problema está na falta de operatividade do bombeo do Gouzón.

O portavoz nacionalista asegurou que “ollando a documentación do proxecto, nada impide que o ramal que serve aos núcleos da Castiñeira e Altiboia poida entrar en funcionamento, dado que non se ve afectado en absoluto polo citado bombeo, podendo circular as augas residuais cara á depuradora por gravidade”.

Así, o BNG demanda que o servizo se poña en funcionamento de maneira parcial nos tramos non afectados e que se tomen medidas urxentes para activar o bombeo e completar a rede.

Rogos e preguntas con demandas veciñais

No apartado de rogos e preguntas, o BNG trasladou ao pleno diversas peticións relacionadas co mantemento e os servizos do municipio. Entre elas, destacaron a substitución dun colector roto en Vilasenín e a creación dunha illa verde para varias parroquias, a reparación da beirarrúa da rúa Mestre Alfonso Lesta, o acondicionamento da senda do Mesón do Vento, e a roza das cunetas en Guindiboo.

Tamén solicitaron sinalización de perigo por animais domésticos en A Pedreira, unha solución á acumulación de residuos no punto limpo, a licitación do servizo na escola infantil da rúa Galicia para garantir a súa apertura o 1 de setembro, e a celebración da feira de Ordes durante as festas patronais.

Por último, preguntaron polas condicións actuais dun antigo hotel na zona de O Cano (Leira), onde, segundo lembran, xa se denunciaran problemas hai un ano.

⚙ Configurar cookies
0.16475296020508